«Somos un incordio para a consellería»

La Voz

AROUSA

28 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

_Despois do vivido nesta semana ¿como se sinte? _Síntome respaldado polos compañeiros e por moitos mariñeiros. Aínda que tamén hai un grupo de xente que está moi descontenta. Mirarei de atender as súas peticións e baixar a crispación social para traballar tranquilos, senón perdemos todos. _¿Aparte das cuestións de organización, ve outros motivos detrás destas protestas? _Home, a min me sorprenden varias cousas. A consellería nin se preocupou de chamar en pleno conflicto. Somos un incordio para a Consellería de Pesca. Esta confraría sempre está reivindicando cousas e defendendo os seus dereitos, parece que nos teñen un pouco de... O conselleiro foi a Vilanova, O Grove, Cambados... tamén tiña que vir aquí para interesarse e preguntar polos nosos problemas. Na asamblea tamén me sorprendeu que eu contaba que algunha xente, comos os que se presentaron nas últimas eleccións, ían pedirme automáticamente a dimisión, e sen embargo pedíronme que seguira. _Moitos din que a confraría ten máis poder co Concello e que hai intereses políticos. ¿Que opina deso? _A confraría é o motor económico da Arousa, pero non creo que teña tanto poder. Desde logo, pediríalle ós políticos que desvinculen a política da confraría porque aquí estamos para traballar. Se alguén pretende utilizala como medio de poder para conseguir outras cousas, non é o camiño adecuado. _Manolo Lojo era un gran apoio para vostede. ¿A súa falla ten que ver co seu desexo de marchar? _Non. Se estivera aquí seguro que me pedía que seguira. É unha perda irrecuperable a tódolos efectos, como amigo, como compañeiro... e iso se nota, evidentemente. Se estivera aquí seríamos dous para pelexar e para buscar solucións. Non digo que a xente que está agora non sexa válida tamén, pero non se pode sustituir a alguén que nos dou escola a todos. _En xaneiro haberá eleccións. ¿Vaise presentar? _Desde logo que non. _¿E como ve o panorama? _Eu non son adiviño, pero si animo á xente a que se presente para que haxa moitas candidaturas. O que non se pode é pretender que lle arranxen os problemas sen mollarse, e vivir tranquilo. Porque isto require perder moitas horas e deixar de dormir moitas noites.