A obra completa de Luís Bouza Brey, presentada na programación cultural do mes de xuño
AROUSA
A programación que desenvolverá a Concellería de Cultura de Vilagarcía ten como un dos seus atractivos para este mes de xuño a presentación da obra completa de Luíz Bouza Brey. Esta edición recén saída do prelo de Ediciós do Castro foi realizada por Gonzalo Bouza Brey e Xosé Ramón Fandiño e será presentada o vindeiro día 21 de xuño, na casa da cultura de Vilagarcía nun acto que comezará ás 20,30 horas e no que participarán Isaac Díaz Pardo, Xesús Alonso Montero, Xosé Ramón Fandiño e Gonzalo Bouza Brey. Este libro é unha extensa recopilación de todo o escrito po Luís Bouza Brey, tanto nas súas colaboracións en prensa como a obra poética e narrativa. O libro pretende recuperar a dimensión da figura de Luís Bouza Brey, polifácetica e galeguista, ó tempo que recupera moitos traballos que ata agora permanecían inéditos ou esquecidos. Entre eses traballos figura o alcumario do Salnés, no que se recollen motes e sobrenomes populares dos veciños da comarca. Tamén se recolle neste libro gran cantidade de documentación gráfica da vida do escritor. Non será este o único libro presentado no mes de xuño. Tamén será presentado o máis recente poemario de Emma Pedreira, gañadora do certame Fermín Bouza Brey, convocado polo Concello de Vilagarcía. O poemario está editado por Espiral Maior e leva por título Os cadernos d¿amor e os velenos . Será presentado o día 18 e, ademais da autora, participarán Miguel Anxo Fernán Vello e Gonzalo Bouza Brey. Música e exposicións serán outros argumentos do programa de actividades da Concellería de Cultura. As exposicións previstas son a do certame de Fotografía submariña de Galicia e a mostra que recolle a memoria do sindicato Comisións Obreiras. No que respecta á sala Briones Rivas, ocupada estes días coa mostra sobre o buque Juan Sebastián de Elcano, está prevista unha mostra de dous artistas, Joseba Franco e Montse Arbelo, procedentes das Illas Canarias. Musicalmente, o próximo sábado acturán os ex-alumnos da escola Bernardo del Río. Para o día 12, mércores, está programada a actuación da Coral da dirección administrativa da Once en Vigo. Ó día seguinte os boleros de Arelis Ortiz ocuparán a sala. O día 22 a Big Band Agemm ofrecerá un concerto na casa de cultura.