Hoxe inaugurase en Cambados a exposición itinerante sobre a figura de Frei Martín Sarmiento. O teatro tamén acadará moito protagonismo a vindeira semana na capital do albariño. A galiña Pauliña, As pilas son unha caca, O carriño caracol ou Insectos son algúns dos espectáculos que se representarán entre o luns e o mércores no instituto Francisco Asorey. O xoves, víspera das Letras Galegas, o paseo da Calzada volverá a ser escenario da tradicional ofrenda floral e poética a Ramón Cabanillas, na que participarán alumnos de tódolos centros escolares da localidade. E xa o venres 17 terá lugar na Praza do Concello o concerto das Letras Galegas, a cargo da banda de música de Castrelo. Durante toda a xornada, na mesma praza, desenvolverase a Feira do libro galego, na que participan os libreiros de Cambados. E para finalizar, o sábado 18, Ball-Pagés, La Vara e Con de Xido actuarán nun festival folclórico.