Os colexios de Vilagarcía son pioneiros en poñer en marcha iniciativas para revitalizar a festa do idioma Nos colexios de Vilagarcía xa hai tempo que o 17 de maio é moito máis que un día para recordar a obra dun galego ilustre. Os centros de estudios do municipio, sen esquecer a figura do homenaxeado, organizan romarías, festas gastronómicas, actividades vencelladas coa natureza, teatro e outras iniciativas que tentan facer da data o día grande de Galicia. Con este obxectivo rapaces, profesores e tamén pais levan días traballando na organización de programas que mesturan cultura, historia e antropoloxía.
08 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.SUSANA LUAÑA VILAGARCÍA Estas son as principais actividades organizadas nos colexios de Vilagarcía: Rubiáns: Convocado un concurso de debuxo e poesía sobre as romarías galegas. O día 16, pola mañán, haberá contacontos, e pola tarde, un festival con todo tipo de actuacións. Vilaxoán: Estase a preparar un festival que se vai celebrar o día 28 con obras de teatro e actuación de coros do colexio. A Escardia: Haberá uns orixinais contacontos a cargo de pais, avós e bisavós, para recuperar a tradición dos contos xunto ó lume. Tamén se quere crear o trasno das letras, que vixiará que os rapaces lean en galego. Aproveitaranse os traballos en Voz Natura para preparar unha unidade didáctica sobre as herbas de San Xoán, en homenaxe á figura de Sarmiento. O día 16 haberá un festival. Piñeiriño: O centro leva catro anos celebrando unha romaría cunha festa gstronómica que o ano pasado adicouse á tortilla e este, á conserva da zona, con exposicións e degustación. Na romaría haberá gaiteiros -estarán Os terribles de Arousa-, xogos populares e outras actividades. Ademais, os profesores están a preparar unha obra de teatro para os alumnos e nas aulas realízanse traballos sobre Sarmiento. Carril: A véspera do día das Letras Galegas haberá, como tódolos anos, un festival, adicado nesta ocasión á figura de Sarmiento, que se completa con traballos nas aulas. A Lomba: Exposición de libros en galego. Cada día, antes do recreo, un grupo de nenos recita poemas e adiviñas polo equipo de megafonía. O día 15 haberá un festival no Castro Alobre con cancións, bailes, obras de teatro, instrumentos musicais e poemas. Arealonga: Exposicións dos carteis presentados ó concurso Entre nós, en galego. O centro recibiu onte a comunicación de que dúas alumnas, Alba Buceta e María Varela, foron premiadas neste certame organizado pola Xunta. Realización de traballos nas aulas e exposicións dos mesmos no centro. Proxeccións de vídeos e paneis sobre Sarmiento, edición do xornal escolar Arealonga e realización do festival sobre as Letras Galegas o día 16, con teatro, cancións, cantares de cego e cantigas adicadas a frei Martín Sarmiento.