Arquitectos da primavera

La Voz

AROUSA

V. MEJUTO

A comarca celebrou a chegada do mes de maio con coridas construccións e coplas orixinais Construccións que por vez de ladrillos e cemento empregan fiunchos, froitas e froitos do campo saudaron onte a chegada da primavera. En toda a comarca fixéronse maios, pero en Vilagarcía, Carril e O Grove, houbo ademais concursos para premiar os mellores traballos e as coplas máis orixinais que os acompañaron. En Vilagarcía a participación foi menor que en outros anos, pero o baixo número de maios compensouse coa calidade dos traballos presentados ó certamen que se celebrou na praza da Pescadería.

01 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA Unha completa lonxa, una parella de mozos ou unha cruz que simbolizaba pasaxes bíblicos foron algúns dos traballos presentados onte na praza da Pescadería para celebrar unha nova edición do concurso de maios nos que a Concellería de Cultura investiu 1.500 euros (249.579 pesetas) en premios. A participación foi máis escasa que noutras ocasións, pero aínda así non faltaron os colexios e as asociacións sempre fieis a esta cita, como A Escardia ou Arealonga e a asociación Contra vento e marea de A Laxe. Tamén participou un instituto, o Fermín Bouza Brey. Centos de persoas achegáronse á praza da Pescadería para ver as construccións e escoitar as copliñas, que como de cote, mesturaron os principais acontecementos da vida local con chascarrillos da sociedade e outras noticias de alcance internacional. Os proxectos municipais, o crecemento da zona lúdica do porto, as victorias ou as derrotas dos equipos de fútbol e como non, as pegadas dos cans nos parques públicos ocuparon os versos cantados polos rapaces na Pescadería. Vilagarcía de Arousa púxose moi de moda por ter homes pendurados polas rúas en pelotas, cantaron os alumnos do Arealonga. A proba de alcolemia leva moito tempo, a algúns xa lles chegaba con cheirarlle o alento, dicían os estudiantes do Bouza Brey. Os premios quedaron bastante repartidos, e para os que non os acadaron houbo unha axuda pola participación e o consolo dun rico roscón.