Vides doutros tempos

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

XAVIER CASTRO A CULTURA DO VIÑO NA TERRA DO SALNÉS Os documentos antigos non adoitan a especificar o tipo de cepas que se cultivaba

02 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Segundo os «Expedientes de Hacienda» (EH), a producción de viño das cinco parroquias do axuntamento de Meaño se situaba en 132 pipas, para o período 1589-1595. Pero esta apreciación é moi probable que infravalorase a realidade posto que se trata dunha fonte fiscal que acostuma padecer un certo grado de ocultamento. Máis fiable semella a estimación de Jerónimo del Hoyo (JH) que a concreta en 370 pipas. Precisemos que a pipa tiña unha equivalencia de 450 litros. JH cifra a producción vitícola no axuntamento de Meis en 160 pipas. Os EH mostran que a producción das seis parroquias actuais do axuntamento de Ribadumia era de 101 pipas, o que representa perto de 450 hl. Como sempre a cantidade consignada por JH é notoriamente máis alta: 250 pipas. Segundo os EH, a producción das sete parroquias do axuntamento de Vilagarcía era de 234 pipas. JH a sitúa nunha cantidade sensiblemente superior: 840 pipas. As memorias de JH revelan que Carril dispuña, a comenzos do século XVII, dunha superficie de cultivo escasa. Abundaban os cítricos pero non desenvolveu o cultivo da vide de maneira significativa. O seu porto permitíalle vivir sobre todo da pesca. JH indica que a producción de viño no axuntamento de Vilanova era de 140 pipas. Son escasísimos os documentos antigos que especifican as clases de vides que se cultivaban ou polo menos se se trataba de variedades tintas ou brancas. Hai polo menos un legaxo de finais do século XVI que constataba o claro predominio das tintas.