JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A capela de San Xoán de Meaño conserva unha nutrida colección de canzorros historiados
16 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A Capela de San Xoan de Meaño ten unha orixe medieval, aínda que a súa traza foi moi modificada sobre todo no século XVII. De época románica consérvase o ábside, parte dos muros laterais, e unha nutrida colección de canzorros historiados. O que aparece na foto é un destes canzorros, representa a cabeza dun touro ou dun boi, ao que seguen outras cabezas de animais e algunhas figuras humáns. Entre estas últimas quixera destacar as representacións de tres mulleres e un home: son figuras moi grotescas, retorcidas, que se contornean para amosar ostensiblemente os seus xenitais. Aínda que pareza o contrario, éstas imaxes non foron labradas para satisfacer as fantasías ou apetencias eróticas dos nosos feligreses senón que a sua misión era outra moi distinta. Hoxe moitos significados se nos escapan pero temos que pensar que nas igrexas todo era simbólico, pois a arte só se entendía na súa dimensión pedagóxica, catequética. Por outra banda, poderíase dicir que toda a filosofía cristián resúmese na loita entre o Ben e o Mal, entre Deus e o Demo. Caro Baroja dicía que o mundo divídese en dúas partes ben diferenciadas: os vicios e as virtudes. O home ten libertade para escoller ser servidor de Deus ou ser servidor do Demo, aínda que se atopa sempre perdido entre estas dúas forzas antagónicas. A misión da Igrexa é entón ensinar o camiño verdadeiro, o camiño que chega a Deus por medio da virtude. E como non había TV, nin Internet e casi ninguén sabía ler, había que grabar na pedra o discurso doutrinario, para que así todo o mundo puidera entendelo e asimilalo, pois xa daquela sabían que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Coido que non fai falta advertir que esas imaxes retorcidas, impúdicas, simbolizan a exaltación dos desexos e das tentacións, son na súa fealdade a imaxe mesma do Demo, que ten que ser contrarrestada coa Cruz e os símbolos de Deus. Na emblemática medieval o boi é o símbolo da paciencia, do traballo e do espíritu de sacrificio. O evanxelista San Lucas tiña como atributo o touro, segundo a visión do profeta Ezequiel, e San Xerónimo identificou ó animal degolado coa Paixón de Cristo. Tertuliano (S. II) referiúse a él con estas palabras: "¿é algún animal poderoso ou algún monstruo fabuloso...?. Este touro misterioso é Xesucristo, xuíz terrible para uns, redentor cheo de mansedume para outros". Por unha banda está o pecado e a luxuria, pola outra a víctima redentora que coa súa sangue asegura a purificación do noso xénero e reconcílianos coa xusticia Celestial. A próxima vez que se acheguen á parroquia de Meaño non esquezan mirar para o beirado da súa iglexa...