A sinrazón da viña

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

XAVIER CASTRO A CULTURA DO VIÑO NA TERRA DO SALNÉS O labrador aprendeu a compensar coa súa dedicación as estridencias do clima na comarca

26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Consideraremos aquí a cultura do viño na Terra do Salnés, antigo territorio Salinense, fermosamente evocada por Ramón Cabanillas: «campía do Salnés,/ diante do mar arousano/ a soñar e frorecer». Ten sido un país moi poboado dende sempre e, dadas as circunstancias, seriamente afectado pola emigración. O «Salnés antergo e saudoso», exerceu un gran poder de atracción sobre a súa xente. O seu forte magnetismo inspirou a saudade de moitos dos seus habitantes, como sucedeu no caso do celebrado escritor, pouco dado a tales apegos: Julio Camba (máis o foi o seu irmán Francisco, como revela a súa producción literaria), quen sendo aínda moi novo escribiu dende a Arxentina un poema en lingua galega máis sentido que bo, no que expresaba a mágoa «que me embarga por vel''os meus lares». Semella como se o pai Castrove tivera postos os seus ollos «no alén mar» e así acontece que as feituras da paisaxe do Salnés reviven multiplicadas na memoria dos seus ausentes en América. Terra de romance onde existe unha vella historia asociada a cada lugar, que tal vez por iso acadou o interés de Fermín Bouza-Brey: lendas de mouras e tesouros encantados, fazañas portentosas dos nautas de A Lanzada, tradicións taumatúrxicas dos fundadores e arrobados monxes de Poio e Armenteira. Ilustres executorias dos Mariño, vástagos dunha serea, dos Caamaño, dos Sotomayor e dos Montenegro. Pairan as «consejas de familias malditas», de sacrílegos ladróns e destemidos bandoleiros: Pepa a Loba, Xohán Quinto.... Algúns destes personaxes esgazáronse da remembranza popular para encontrar un espacio nalgúns pregues da literatura de Valle-Inclán, por onde as súas almas respiran de cando en cando. No Salnés, como na Galicia toda (agás o Ribeiro), o interese polo viño ten sido unha loucura. A xente ama os seus viños máis alá dos dictados da razón practica, depoñendo o bo sentido e a cordura que guía inexorablemente a súa conducta nos demais ordes da vida. O cultivo da vide adáptase moi a duras penas ás condicións climatolóxicas que imperan nesta península e que fan que o milagre do viño se produza polos pelos. Pero non soamente ten sido esta unha teima arriscada senón que resultou ademais notablemente onerosa: o moito tempo adicado á esforzada laboura, os atentos coidados das viñas decote ameazadas polas doenzas que a humidade propicia e as destempladas afrontas dunha climatoloxía non sempre complacente, fan que o viño non poida menos que resultar un producto caro e que ocupe unha posición desventaxosa de partida e certamente nada fácil na competencia cos caldos de outras terras de España. Todo isto puede parecer paradóxico. Pero a sinrazón non é senón aparente e a pouco que indaguemos por baixo da superficie daremos cunha explicación convincente: ata non fai moito tempo elaborar o viño propio era para a gran maioría a única maneira de poder dispoñer dun recurso que poucos dubidaban de que resultaba esencial para un mediano pasar pola existencia. O labrador aprender a compensar coa súa dedicación e habilidade as estridencias do clima e chegou a facelo tan ben que conseguiu colleitar un dos mellores brancos do mundo. E esta é a historia -e perdoen que me teña estendido tanto- que veremos aquí: a dun pobo que cultiva e ama o seu viño porque o considera parte da súa vida e da súa cultura.