O rector da Universidade Menéndez Pelayo iniciou onte os actos do centenario do escritor en Vilagarcía O rector da Universidade Menéndez Pelayo, Ramón Villares, oficiou como mestre de cerimonias nos actos en homenaxe a Plácido Castro, que principiaron onte en Vilagarcía. Villares iniciou o seu discurso cunha mención ó compromiso adquirido polo polifacético escritor, co feito diferencial galego e cunha proxección cara ó exterior. Plácido Castro foi un deses galegos que mirou cara afora, en troques de quedarse ensimismado no seu embigo. Eso sin restar pulo á súa fonda loita pola cultura da terra. Portugal estivo moi presente na vida do intelectual como tamén a súa determinante participación no galeguismo.
25 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA O rector da Universidade Menéndez Pelayo, Ramón Villares, foi o encargado de impartir onte en Vilagarcía a Terceira Conferencia Internacional, organizada pola Fundación Plácido Castro. Portugal e o galeguismo, foron os eixos da charla, que se celebrou xusto no día en que se cumprían cen anos do nacemento do escritor. Villares fixo un especial fincapé no que significou Portugal na construcción dun discurso político galego, a partir do século XIX. Principiou falando das correntes iberistas, que naquel tempo defenderon a unidade cultural da península, cando as diferencias con Portugal eran moi agudizadas. Diferencias que nun momento seguinte da historia, marcado pola crise do 98 e a aparición dos primeiros movementos nacionalistas periféricos, comezaron a cuestionarse. Villares falou tamén de O rexionalismo, asinado por Murguía, no que se entrevía xa unha especie de dúbida amorosa, «ou ben Castela ou ben Portugal». E a partir de ahí, Villares suliña un doble achegamento ó país veciño. Por unha banda, político, que lideraron as figuras das Irmandades da Fala, e por outro, cultural, na que participaron homes da Xeración Nós coma Risco, Pedrayo e Castelao. Entre Portugal e o galeguismo transcorreu o primeiro acto para conmemora-lo centenario de Plácido Castro, quen foi definido onte en Vilagarcía como un dos grandes constructores da identidade galega. E nesa teima por reinvindicar o pensamento deste polifacético intelectual, acabase de crear tamén o Primeiro Premio de Traducción Plácido Castro. Hoxe farase entrega do galardón ó traballo gañador neste certame, que ten como obxectivo recoñecer unha labor na que foi pioneiro este ilustre intelectual.