Teatro do Aquí e Monicreques de Kukas, a oferta teatral para Vilagarcía e Cambados Unha reflexión sobre as contradiccións da civilización occidental para Vilagarcía e unha de títeres para Cambados. Os escenarios arousanos volven a encherse coa maxia do teatro esta fin de semana, da man das compañías Teatro do Aquí e Monicreques de Kukas. Os días de teatro abriranse coa historia que Roberto Vidal Bolaño creou en «Os Papalagui», que será representada hoxe na casa de cultura da capital arousana. O broche dominical será na Sociedade Cultural cambadesa con «Xan Trapallas». Para os que prefiran a música en directo tamén haberá opción. Cool Hamster actúa no pub A Pera.
17 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA Os Papalagui está ambientada na I Guerra Mundial. Esta é a historia: as esixencias do conflicto provocan a saída da aldea de Upulo da última misioneira alemana na rexión. Na súa despedida, a monxa rememora co xefe samoano Tuiavii a súa estadía no lugar. Así que a obra é unha reflexión sobre as contradiccións da civilización occidental, que Teatro do Aquí levará ata a casa de cultura de Vilagarcía, hoxe a partir das nove da noite. O precio da entrada é de 3 euros (499 pesetas). A montaxe foi realizada a partir dunha escolma dunha serie de textos do propio xefe Tuiavii, que foron publicados en Alemania. Os papeis principais de Os Papalagui están encarnados por Roberto Vidal Bolaño, quen tamén se encarga da dramaturxia, dirección e iluminación, e por Mónica Caamaño. Xabier Camba ocúpase da música en escea. Os títeres Cambados continúa co seu ciclo de teatro para nenos e maiores. Este domingo tócalle o turno a Monicreques de kukas, co seu espectáculo Xan Trapallas. Unha historia para as imaxinacións, na que un paiaso consigue que tódolos títeres lle sigan o xogo. A posta en escea deste divertido relato terá lugar na Sociedade Cultural cambadesa ás sete da tarde. O precio da entrada para adentrarse no mundo dos monicreques é de 1,5 euros (250 pesetas)