Dez anos de caracois

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

A compañía cambadesa celebra o seu décimo aniversario cunha exposición sobre o teatro no municipio Hai dez anos, un grupo de pais de alumnos dos distintos colexios de Cambados decidiu agasallar ós seus fillos cunha obra de teatro. Tratábase de divertir os pequenos cunha representación similar á que éstos facían nos festivais de fin de curso. Daquela primeira experiencia naceu a compañía Caracol, que cada ano interpreta unha obra de teatro para máis de tres mil nenos de toda a comarca de Arousa. Agora queren celebrar a súa primeira década de existencia cunha exposición sobre a historia do teatro en Cambados.

26 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

M. A. CAMBADOS Os responsables da compañía de teatro Caracol levan máis dun ano recollendo todo tipo de material para a exposición coa que celebrarán o seu décimo aniversario. A mostra será inaugurada no mes de maio do próximo ano no auditorio municipal de Cambados. A través de paneis e fotos, a compañía pretende contar a historia do teatro no municipio que, aseguran, conta con moita tradición entre os veciños. Polo de agora xa conseguiron unha fotografía de 1922, que é o documento maís antigo que poseen, e unha partitura do ano 1926. A exposición terá tamén libretos e carteis das distintas obras que interpretaron os veciños ó longo dos anos. «Trátase de facer un pequeno percorrido pola historia do teatro no municipio a través de fotografías, carteis e incluso partituras dalgunhas obras que se representaron», asegura a directora da compañía. A viaxe de Florisel Ó mesmo tempo que traballan na elaboración da mostra, os representates desta compañía están preparando unha nova obra de teatro para representar este ano. Trátase de A viaxe de Florisel, unha historia de dragóns e princesas na que o protagonista é un escudeiro. Coma sempre, non faltará a música e as cancións que animen a interpretación. Está previsto que a función comence en abril. Durante quince días, voltarán a meterse nas súas correspondentes personaxes para facer rir a más de tres mil rapaces de Arousa.