Mozos de máis de sesenta

La Voz

AROUSA

VITOR MEJUTO

Un grupo de 1.300 xubilados coruñeses visitaron Vilagarcía nunha viaxe organizada polo Concello «Estamos vivindo o que non vivimos ata agora». Esta frase serviulle a Amalia Domínguez para resumir o espírito dos seus 1.300 compañeiros de viaxe: o grupo de xubilados coruñeses que onte visitaron Vilagarcía de Arousa. A Asociación de Mulleres de Elviña sumouse á expedición co mesmo ánimo de diversión e a mesma tranquilidade dos maiores. Todos eles destacaron como atractivo principal da vila, «o bo carácter da xente». Remataron a xornada con música e baile na praza da Pescadería. En grupo, en parella ou con distintas acrobacias individuais, os xubilados coruñeses deron boa mostra da súa arte.

19 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

E. M. O. VILAGARCÍA Dende que chegaron, arredor das once da mañá ataviados cunha gorra branca e regalando bo humor, os xubilados de A Coruña non pasaron desapercibidos polas rúas de Vilagarcía. «O que máis nos gusta das viaxes é a xente», indicou María Comba, unha das integrantes da expedición coruñesa. O porto, o paseo marítimo e o mercado foron os principais puntos nos que recalaron os maiores, que trala comida encheron as terrazas da vila, nomeadamente as da Mariña. Amalia Domínguez, compañeira de Comba, preguntábase «que dirían os nosos avós se nos viran viaxando por aí á nosa idade» Músicos na Illa Tomás Varela, outro dos xubilados, xa coñecía Vilagarcía. Como clarinetista e fundador da banda municipal de A Coruña, ten viaxado por toda España. Hai xa algunhas décadas, polo Nadal, tivo que actuar na Illa de Arousa. Debido ó temporal, ningunha barca se atreveu a ir recoller os músicos, de xeito que tivo que pasar a noite, xunto ó resto dos seus compañeiros, queimando caixas de peixe na illa. «Pásoo moi ben», di Varela, «e mellor se algunha moza me fai caso».