Presentan en Vilagarcía os libros «Bestiario de silencios» e «O estrano misterio das galiñas desaparecidas»
04 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA Bestiario de silencios e O estrano misterio das galiñas desaparecidas, dous títulos que se deron cita onte na casa de cultura de Vilagarcía. As primeiras palabras xurdiron dos beizos de Ramón Caride, que fixo as veces de mestre de cerimonias, acompañado de Manuel Seixas, editor de Madame Mir, e de Emilio Ínsua. O primeiro dos libros, a ópera prima da novísima escritora Emma Pedreira, que acaba de caer no mundo das letras. Pero que ninguén caia no erro de xuzgar a súa xuventude. Bestiario de silencios, tal e como a definen en Madame Mir, «é especial, orixinal e única cun universo e unha linguaxe personais sorprendentes». É un libro de relatos que falan ó mesmo tempo de once feridas, nas que se misturan o silencio, as casas en chamas, a soidade, a paixón e a morte. Entre as súas referencias: Poe, Lovecraft, Cunqueiro, Cortázar e o mesmo Shakespeare. No outro lado da rúa, pero co mesmo sabor a letras, sitúase o libro de Daniel Buján. O estrano misterio das galiñas desaparecidas amósanos a Ramona e ó Raposo Lambón, unha singular parella que terá que solucionar un terrible enigma: !as galiñas desaparecen! Literatura infantil, pero sobre todo literatura para o disfrute, para non perderse unha liña, tal e como aseguraba onte Ramón Caride. No acto de presentación, tampouco faltaron palabras para a editorial Madame Mir, á que os presentes lle auguraron unha longa vida. Ou polo menos así llo desexaron.