Coa primavera chegan os maios

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Os concellos arousanos premiarán a arte que se agocha tras deste costume popular «Aí ven o maio de frores cuberto», reza a cantiga. Os concellos arousanos ultiman os preparativos para a celebración desta festa de exaltación da primavera. Os maios máis tradicionais, os artísticos e as mellores letriñas recibirán o seu merecido premio. Primeiro, por ser a viva imaxe da memoria popular, e segundo, pola laboriosidade con que están feitos. O vindeiro martes as rúas da comarca encheranse de anacos da natureza. Laranxas, fiunchos, cascas de ovos e margaridas darán cor ós municipios.

24 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

C.U. VILAGARCÍA O Concello de Vilagarcía repartirá este ano 234.000 pesetas na Festa dos Maios, que se celebrará o vindeiro martes na Praza da Pescadería, ás once da mañá. Ninguén quedará sin premio, xa que tódolos participantes levarán 2.000 pesetas e máis unha rosca. As inscripcións para o concurso deberanse facer antes do venres na Concellería de Cultura. As bases do certame establecen dúas modalidades: os artísticos, entre os que se repartirán 30.000, 20.000 e 15.000 pesetas, e os tradicionais, que levarán identicos premios. Ademáis, haberá tres galardóns de 20.000, 15.000 e 10.000 pesetas para as mellores letriñas, así como outros tres, dotados con 12.000 pesetas, que distinguirán o mellor conxunto. Á hora da selección terase en conta especialmente a utilización de materiais tradicionais na construcción de maios, como laranxas, margaridas, xestas, fiunchos ou cascas de ovos. Tamén en O Grove se están preparando para louvar á primavera. No certame de maios poderán participar asociacións egrupos escolares, que se inscriban antes do venres. Tamén aquí tódolos participantes recibirán unha rosca como obsequio. Para os maios tradicionais disporanse tres premios de 25.000, 20.000 e 15.000 pesetas. Os artísticos percibirán 15.000, 12.500 e 10.000, ó igual que as mellores cantigas. Os nenos tamén terán o seu agasallo. Os tres primeiros premios infantís están dotados con 10.000, 7.500 e 5.000 pesetas. Os concursantes deberán presentarse ante o xurado ás 11:55 horas na Praza do Corgo o martes que ven. Á hora de puntuar valorarase o armazón dos maios, que non poderá ter estructura metálica, a coroa, e o emprego de materiais tradicionais e instrumentos de acompañamento típicos como palitroques ou estadullos. A calidade, interpretación, composición e retranca das coplas tamén se terá en conta á hora de elexi-los gañadores. As letras premiadas poderán ser publicadas polo Concello. Nos maios artísticos as formas, tamaños e figuras serán libres.