O territorio das palabras

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Manuel Seixas e Ramón Caride presentan esta semana as súas novas publicacións Semana de estreas para Ramón Caride y Manuel Seixas, dous autores con peso específico na historia da literatura galega recente. Caride presentará o próximo xoves tres novos libros. Manuel Seixas, convertido en editor, presentará en Compostela Madame Mir, unha iniciativa de xestión cultural que edita, entre outras cousas, o seu primeiro disco en solitario. Convertindo a coincidencia en disculpa, ámbolos dous charlaron para La Voz de Arousa sobre o presente e o futuro da literatura e sobre a vitalidade cultural de Arousa. Teimosos nos seus proxectos, os dous buscan un espacio literario, Seixas nun territorio no que se confunden música, poesía e novela. Caride escribindo cada vez máis para lectores novos.

17 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

CAMILO FRANCO VILAGARCÍA Xúntanse e cada un deles ten unha idea clara sobre o outro. Nunha cultura como a galega, son autores complementarios, pero cada un deles sinte curiosidade polo espacio que ocupa o outro. - Ramón Caride: No rock parace haber pouca vida intelixente. ¿Esto se debe a que os productos intelixentes non se venden porque non se ofrecen, ou non se ofrecen porque non se venden? - Manuel Seixas: A pregunta é difícil. Primeiro o meu caso. A música de Manuel Seixas non é intelixente, é personal. Hai moita música personal que non chega á xente. Non se trata de que non se oferta, é que resulta case imposible chegar ós circuitos, están absolutamente copados polas multinacionais e por aquelas cousas que reclama o gran público. É difícil cambiar esta situación. A única solución revolucionaria e utópica é cambiar as cabezas das personas. - Manuel Seixas: ¿hai vida intelixente na literatura infantil? - Ramón Caride: Na literatura infantil hai bastante máis intelixencia que na adulta. Os rapaces non len críticas literarias. Móvense por un principio lúdico ou hedonista que os adultos perdemos. Hai moito libro adulto que se vende, pero non se lé. Polos premios, polas modas do momento, porque parece que se venden máis os autores que os libros. Para os críos non vale esto, se non lle gusta o libro tira con el. Hai un principio que separa a estas literaturas. No caso infantil, son libros compartidos, que os pais lle len ós fillos e, polo tanto, establecen tamén principios afectivos. - Manuel Seixas: Se deduce que estás máis a gusto coa literatura infantil. - Ramón Caride: É un volta ó inicio. Comecei a escribir por facer cousas que me gustaban. Cando escribes para adultos tes demasiadas cousas na cabeza. A literatura infantil ten unha sana desvergonza: prescindes da verosemellanza, non ten repercusión crítica e mesmo é unha literatura invisible: podes ter moitas ventas e non se considera literatura seria. Tes condicionates de formato, pero escribes con plena liberdade. Ninguén che di que levas mal colocado o pronome. O encontro cos lectores tamén é moito máis gratificante. - Manuel Seixas: Pero sempre me pregunto cómo se fai. ¿A través de que ollos? - Ramón Caride: Agora miro cos ollos das miñas fillas, pero antes de telas, buscaba sempre a perspectiva que poideran ter as miñas sobriñas ou os rapaces que coñecía. As ideas xorden de contar historias. Os nenos piden que lle contes historias. - Ramón Caride: Teño curiosidade por saber a túa opinión por unha experiencia común que temos: fixemos ciencia ficción e fumos vapuleados pola crítica. ¿Que se lle perde ós galegos na ciencia ficción?. - Manuel Seixas: A crítica, no meu caso, foi brutal. Pero sempre dixen que só quería utilizar a ciencia ficción como decorado. Con Bailarina só quería demostrar que podía escribir unha segunda novela, que non era escritor dunha soa obra. Está moi ben eso de ter unha infancia rural, feliz. Pero moitos mamamos serie B, que non son galegas pero que non gustan tanto ou máis. Creo que ata que non superemos no país este nivel de hipocresía e poidamos falar de todo sen prexuízos non iremos a ningún lado. -Ramón Caride: Vai por modas. Hai unha volta á aldea na literatura galega, Lupe Gómez, Alfonso Eiré, Vázquez Pintor, libros sobre a infancia e aldea. Seguramente como reacción a un proceso globalizador. Pero hai un tempo esto mesmo non era ben recibido. -Manuel Seixas: Se o que din me gusta, non me importa. Outra cousa é que, agora, parecen que se non tes un pasado rural non es galego. -Ramón Caride: Pero segue a ser atípico facer ciencia ficción en Galicia, entre outras cousas, porque a formación científica non é a que domina neste páis. En realidade deberiamos falar de fantasía científica. -Manuel Seixas: Eu só quería escribir unha historia de amor. - Ramón Caride: En realidade é que non hai máis que tres ou catro argumentos. - Manuel Seixas: O que pasa que esa falta de referentes queima. Está ben que se fale de guerra civil, pero non creo que falar do século XXII estea mal. O importante será que diga algo, que comunique. Manuel Seixas: ¿Que esperas dos tres libros? -Ramón Caride: teño unha ventaxa cos tres libros. Dalgún xeito, xa funcionaron. Son libros que xa tuveron unha rodaxe como o caso de Historia dunha sobreira, que é unha obra de teatro que xa se representou en colexios. A outra, Micifú e os seus amigos é unha obra en verso libre que tamén teño lido en varios centros. No outro caso, Na incerteza dos paraísos é unha antoloxía de relatos, digo eu que dos relatos que máis gustaron ós lectores.