Eugenia García, propietaria dunha granxa de avestruces en San Salvador de Meis Eugenia García é mariscadora e o seu home, Antonio Mouro, mariñeiro. Hai dous anos decidiron invertir uns cartos que tiñan aforrados. Alguén lles comentou que o da cría de avestruces era un negocio con futuro. Decidíronse cando lles tocou a lotería no bar Chabola. Alquilaron un terreno en San Salvador de Meis e empezaron. De momento, crían só para consumo propio e para veciños, pero saben por outras explotacións máis grandes que a demanda é cada vez maior. A carne de avestruz ten un inconvinte, o precio; pero moitas avantaxes: baixa en graxas, poucas calorías e moi recomendable para regula-los niveis de colesterol. O seu sabor é semellante ó da carne de terneira. A proba é que as ventas subiron dende que apareceron os primeiros casos de «vacas tolas».
27 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.SUSANA LUAÑA VILAGARCÍA Antes de poñer en marcha a súa granxa foron informarse a outras explotacións que existen en Vimianzo e Caldas. Ata entón, nunca se adicaran á cría de animais. -¿Como se decidiron a crear a explotación? -Dixéronnos que era un negocio de futuro, que a carne empezaba a ter moita demanda porque non ten graxa, é boa para regula-lo coresterol e moi saudable, poden comela todo tipo de enfermos. Logo, a inversión é escasa. -¿E que se precisa? -Nós alquilamos un terreno grande en Meis, ten vintecatro ferrados. Tivemos que preparalo e facer as parcelas, porque as avestruces viven en tríos, un macho e duás femias, e hai que ter a cada un nunha parcela. Logo é boa de criar, hai que terlles un penso especial para que tomen as súas vitaminas, pero logo comen de todo. Tamén hai que ter coidado de desparasitalas. O máis caro é compralas, cada unha costa medio millón de pesetas, pero nós xa temos varias poñedoras e criámolas nós. Iso si, as pequenas son moi delicadas, moitas non van adiante. -¿Canto tempo leva a cría? -A posta de ovos é de febrerio a outubro. O ovo nada máis nacer hai que desinfectalo e logo levámolo a unha incubadora que hai en Caldas e está alí entre 42 e 45 días. As femias empezan a poñer con dous anos e con seis poñen un ovo cada dous días, pero moitos non saen adiante, e moitas crías tamén morren ó nacer, son moi delicadas. Nós agora temos tres tríos reproductores e xa non temos que compralas. -¿É certo que son moi agresivas? -Si, iso é verdade. Nós non entramos para darlles a comida, facémolo dende fóra, e cando imos coller os ovos temos que ter coidado. Entre eles tamén pode haber problemas; cando xa teñen os tríos formados non, pero ó principio, cando xuntas as dúas femias co macho, ás veces peléanse. -¿Viven moito tempo? -Si, sobre 40 anos. Cada adulto pesa uns 200 kilos e supera os dous metros de altura. A proba é que cada ovo de avestruz equivale a dúas dúceas dos de galiña. Da para moitas tortillas. -¿Estan satisfeitos dos resultados? -Nós de momento só criamos para consumo propio e para vender ós veciños. Á xente é un pouco difícil entrarlle, porque non están acostumados, pero veñen preguntar. A carne é semellante á do galo caseiro e ó pavo, tamén á de terneira. De feito, coas vacas tolas aumentaron as ventas. E a nós xa nos viñeron preguntar xente que teñen vacas e que están pensando en substitui-las por avestruces. Só ten un inconvinte, o precio. O kilo de carne costa no supermercado sobre 3.200 pesetas o kilo. Pero é unha carne moi boa e moi sá.