Manuel Bouzas, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía Logo de dous anos e medio de xestión, e a pesares do seu saneamento económico, Manuel Bouzas, presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, é consciente de que a entidade atópase nunha encrucillada na que se xoga o seu futuro. E iso por unha razón tan sinxela como contundente: as directrices europeas obrigan a unha completa liberalización dos portos. «Acabouse o paraugas do Estado para tapar buratos», advirte Bouzas Moure. A partir do vindeiro ano, os portos de interés xeral entrarán en competencia entre si baixo tres coordenadas: a privatización de servicios, a liberalización de tarifas e a implicación da iniciativa privada. Bouzas ten claro que unha rada pequena, como é o caso da arousá, só sobrevivirá se «aposta pola especialización».
17 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA Polo seu tamaño e movemento de mercancías, o porto de Vilagarcía ocupa un dos últimos lugares do sistema portuario de interés xeral. Algo do que o seu presidente é moi consciente á hora de abordar o seu futuro. _O porto de Vilagarcía era considerado en Fomento case como residual. Agora, a lexislación europea dalle un cambio vertixinoso ó sistema portuario, obríganos a competir. E temos que estar preparados. _¿Cal é ese modelo que propugna Europa? _Ata agora os portos se caracterizaban por prestar directamente un gran número de servicios. Agora iso non vale. Os portos teñen que ser proveedores de infraestructuras e espacios para satisfacer ós clientes. Pero todas as actividades e servicios que non sexan estratéxicos deben externalizarse. Explícome: se o porto precisa dunha infraestructura importante para satisfacer un tráfico, o que fai é poñer unha lámina de auga a disposición do operador, da empresa interesada. E é a propia empresa quen desenvolve todo o proxecto. Acabouse o paraugas do Estado e a dependencia de Portos do Estado para facer o peirao de Comboa ou o de Ferazo. Será a iniciativa privada a que se provea de infraestructuras mentres o porto cobra unha concesión. _Polo tanto, o porto sería un xestor do seu espacio... _Evidentemente. Pero iso ten unhas consecuencias. Se somos nós quen facemos unha inversión apoiada por Portos do Estado, recuperamos os costes de amortización cargándoos no canon de explotación. Agora xa non poderemos facelo, porque é a empresa quen soporta o proxecto. As recadacións neste concepto, polo tanto, teñen que baixar. _¿Cal serán os efectos desta nova dinámica? _Unha gran competencia de tráficos e unha participación importante da empresa privada no desenvolvemento do porto. _¿Periga, entón, o carácter público dos portos? _Non, xurídicamente manteremos o carácter público. Pero a nivel funcional teremos que traballar como empresas.