«Apoiar a Gago é o mellor que fixen»

La Voz

AROUSA

Manuel Rodríguez Cuervo, primeiro tenente de alcalde de Vilagarcía Logo de nove anos en primeira liña da política vilagarciá, Manuel Rodríguez Cuervo está a piques de dar o paso adiante e ingresar no Partido Socialista. Unha decisión meditada que, na súa opinión, «chega no mellor momento». Non para crear un novo sector de opinión, asegura, senón para «unir esforzos». E é que Cuervo se define a si mesmo como un home de traballo na sombra, «non un orador», recoñece. Da súa traxectoria política destaca un feito: «O apoio a Javier Gago, en 1991, foi o mellor que fixen politicamente». ¿Aspiracións á alcaldía? A súa resposta: «Espero que Gago sexa o candidato dentro de tres anos».

27 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA A pesares dos seus nove anos como primeiro teniente de alcalde de Vilagarcía, a figura de Manuel Rodríguez Cuervo poucas veces saíu á luz pública. «É a primeira vez que me fan unha entrevista», asegura. _Góstame estar por atrás, traballar. As persoas temos que ser conscientes do que mellor sabemos facer, e eu recoñezo que non son un orador. Góstame estar coa xente, falar e estar en contacto cos cidadáns. _A pesares diso, o seu papel foi decisivo para que o PSOE acadase a alcaldía... _O paso que eu din naquel momento, no ano 1991, ó apoiar a Javier Gago, é o mellor que fixen politicamente. Non teño dúbida de que Gago, sen menospreciar a ninguén, é un alcalde dificilmente superable. Puido haber algúns como el e podrá haber outros como el, pero superalo cos seus coñecementos da administración, co seu talante, a súa capacidade de diálogo e a súa intelixencia... Coido que Vilagarcía está en moi boas mans, e desexo que sexa así por moitos anos. _E agora decide ingresar como militante no PSOE... _Si, teño conmigo máis de trinta persoas que xa presentaron a súa solicitude, e algúns que están pendentes. Espero que veña o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, á entrega de carnés, e mesmo podería vir Pepe Blanco. Se o facemos a finais de novembro, é posible que os ingresos cheguen ó medio centenar. _Alguén pode pensar que vostede está a crear un novo sector na agrupación local... _Este é un punto importante, que quero deixar ben claro. Pode haber quen pense así, pero eu son persoa de equipo. Góstame traballar en grupo. Se eu entro no PSOE, que é unha decisión meditada ó longo de nove anos, é para traballar. Eu veño para unir esforzos, non para separar. Pola miña traxectoria, tanto política como profesional, coido que está demostrado que son persoa de facer equipo. Nada dun novo sector. _¿Por que agora, logo de nove anos como independente no goberno local? _Porque, sinceiramente, este me parece o mellor momento. Tiven moito tempo para pensalo, e creo que o PSOE está agora mesmo en moi boas mans, tanto en España como en Galicia. Penso que en moi pouco tempo o Partido Socialista chegará de novo ó goberno.