Ravella pide como contrapartida a construcción do aparcamento de vehículos que se ubicará no Ramal O alcalde de Vilagarcía, Javier Gago, e o presidente do Porto, Manuel Bouzas, chegaron onte a un acordo para modificar o proxecto da zona de ocio da explanada TIR e permitir así a instalación de McDonald''s no recinto. O Concello está disposto a ampliar en mil metros cadrados o volume edificable, tal e como solicitou a multinacional norteamericana. Como contrapartida, Ravella reclama que a empresa adxudicataria da TIR, Tirwest SL, corra cos gastos da construcción do aparcamento público que se prevé crear nas inmediacións do peirao do Ramal. Gago López valorou moi positivamente a decisión da cadea de comida rápida de apostar pola cidade, xa que na súa opinión demostra a súa potencialidade turística.
16 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA A empresa que explotará a futura zona lúdica da TIR sinalou onte que, en principio, considera aceptable a contrapartida proposta polo Concello de Vilagarcía. Os técnicos municipais xa teñen valorado o orzamento da construcción do aparcamento. Unha actuación que, en base ó convenio asinado co Porto, debería desenvolver a Administración local.A Tirwest SL lle parece asumible facerse cargo da obra, sempre e cando o seu custe non supere na práctica os cálculos elaborados polo Concello. «Non vaia ser que finalmente non nos sexa rendible», asegurou onte un dos representantes da compañía.Javier Gago destacou que «non é negativo que unha empresa de creto recoñecido como MacDonald''s aposte por Vilagarcía. Haberá que ver o proxecto en sentido positivo». O alcalde, nembargantes, suliñou que agora é preciso que o proxecto se plasme nunha proposta formal, xa que tanto o pleno da corporación como o consello de adminisrtración do Porto terán que manifestarse sobre a modificación do convenio urbanístico.Co acordo alcanzado onte entre a Autoridade Portuaria e o goberno local, McDonald''s está xa moi perto de poder instalarse na futura área recreativa da explanada TIR. Cabe destacar que foi a propia multinacional a que se interesou por abrir un restaurante en Vilagarcía. Algo que non pasa desapercibido para os responsables municipais, que queren apoiar a iniciativa na medida das súas posibilidades. Nos vindeiros días un representante de McDonald''s entrevistarase cos responsables de Tirwest.