Máis afouteza que defensa

Fran Varela O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. SOLER

05 mar 2021 . Actualizado a las 20:29 h.

Se só nos cinguimos ao resultado final podemos pensar que foi un partido disputado e que tivemos opcións de gañar. Mais a realidade é que fomos todo o encontro a remolque e sen ter a sensación de poder remontar; a non ser que o “capítulo” durase 5 minutos máis. No inicio do encontro non houbo defensa, nin individual nin colectiva, o que propiciou un 4-14 de parcial. Logo, grazas ao empeño de Daum (de novo o mellor do Obra pero moi só) reducíronse as diferenzas que puideron ser menos se non se permitise un 2+1 nos segundos finais... gastar unha falta ou defender máis agresivo. No segundo cuarto entraron as triplas xunto cunha mellor defensa para empatar o partido, pero de novo o mal balance defensivo e Barea aparecendo cando se precisaba, volveron a marcar distancias.

Logo, tras o descanso, desexabamos que saíran do vestiario a morder, mais a defensa volveu ser mala e unido á lesión de Pozas (agardemos que non sexa grave) fixo que o Estudiantes abrise unha fenda no marcador e na moral do equipo. Xa que agora parece que están de moda as series turcas, cando todo pintaba moi mal, apareceu o noso actor otomán, Kartal Ozmizrak, con dúas triplas que nos fixeron crer que o amor estaba no aire da caldeira. Non obstante nos últimos segundos de poder irnos 5 abaixo, pasamos a perder o balón e vólvennos meter unha canastra sobre a bucina para poñer a diferenza en 9 puntos.

No último cuarto o asistente virtual “Aleksa” Avramovic transformouse no Sar no galán da serie para marcar unha diferenza case insuperable. A pesares diso o equipo sacou a afouteza necesaria para case crer na remontada, aínda que xa non quedaba tempo. Apareceron os créditos finais e quedamos emprazados para os próximos capítulos que seguro, como sempre pasa, acaban gañando os bos e xenerosos e nisto os de Moncho van sobrados.