As orellas do lobo

Carlos Fernández Louzao, concelleiro do BNG en Xove OPINIÓN

XOVE

XAIME RAMALLAL

20 ago 2019 . Actualizado a las 22:00 h.

Logo de ver como andan as cousas revoltas con Alcoa, parece que nos entrou o medo no corpo. Non dá saído un decreto favorable para a multinacional que permita fabricar en igualdade de condicións ca os veciños da nosa contorna. A fábrica afirma que no prezo final do aluminio, o 41% correspóndese co gasto de electricidade empregado para a súa elaboración. Unha electricidade un 50% máis cara ca na Alemaña ou Francia. Falamos de dous estados membros da Unión Europea, non de Marrocos ou da China. As perdas, segundo a multinacional, son de millóns de euros mensuais, e quéixanse de que así ningunha entidade quere investir na factoría de San Cibrao.

Pois ben, entremos no terreo político local. Tanto en Cervo coma en Xove os alcaldes chaman á mobilización. Moi ben. Parécenos ben esta actitude tan hipócrita dos que levan tantos anos dicíndolle á xente que as manifestacións non serven para nada. Non teremos en conta que estes que agora se queren mobilizar sempre chegan tarde, mal e arrastro. Pero…, e xa está? Nada máis? Cal será a próxima medida estrela? Ir abrazar ao Santiago Matamouros á catedral de Compostela e pedirlle que nos ampare?

No último pleno no Concello de Xove vén de aprobarse por parte do goberno local a autorización formal para gastar 400.000 euros a maiores do orzamento de nove millóns fixado para este ano. De toda esta partida adicional, máis de 300.000 eurazos son para alcatranar pistas e colocar farolas. Outra vez.

Tras a situación vivida na época do Casón, nunca a fábrica correu tanto perigo de peche. Pero tanto lles ten. En Xove continuamos sen nos preparar para o inevitable. Agardemos que non sexa cedo, que pasen moitos anos, pero algún día Alcoa deixará de dar leite. A vaca xa avisou varias veces. Púxose nerviosa, cabeceou e tirou o caldeiro dunha couce. E nós coma sempre: coas políticas de pista e poste. Vamos amañados!