A embaixadora do Camiño en Dublín

sara gil / m.c. VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

A xornalista mariñana promociona a través de Camino Ways a Ruta do Cantábrico

28 ago 2018 . Actualizado a las 08:04 h.

María Golpe (Viveiro, 1979) leva quince anos vivindo en Irlanda. É a responsable de márketing da empresa Camino Ways, que organiza viaxes de sendeirismo e cicloturismo por distintos puntos de Europa. Destaca entre eles o Camiño de Santiago. Recentemente incorporaron á súa oferta a Ruta do Cantábrico, polo que os irlandeses xa teñen a escusa perfecta para visitar A Mariña. Ela leva con orgullo o seu posto. «Todos os galegos compartimos ese orgullo de selo e facer promocionar Galicia», asegura.

-Cando marchou a Irlanda?

-Foi ao rematar xornalismo, no ano 2001, para ir un pouco á aventura e practicar inglés. A idea era quedarnos un curso, entre 9 e 12 meses. Pero ao final unha das miñas compañeiras marchou antes e as outras quedamos alí. Outra das miñas amigas quedou tres anos. Eu volvín no verán e voltei marchar no 2003 para aló.

-Como comezou a traballar en Camino Ways?

-A empresa xa estaba formada. Cando cheguei a Irlanda comecei a traballar do que ía atopando... No ano 2006 estiven traballando nunha empresa de relacións públicas (escribindo comunicados de prensa), pero houbo un momento no que eu e a miña parella nos plantexamos se marchabamos de Irlanda, se nos mudabamos a outro país ou que faciamos. Ao final atopei o anuncio do emprego en Camino Ways e comecei a valoralo. Iso foi como hai cinco anos. Comecei como relacións públicas e agora son a encargada de márketing. A empresa tamén medrou moito. Cando eu cheguei eramos nove persoas e agora somos corenta empregados. Foi moi emocionante ver o seu crecemento.