E quedaron tan panchos!

Adrián Piñón

RIBADEO

03 may 2022 . Actualizado a las 21:12 h.

Resulta que anda revolto o pobo de Ribadeo, porque o Concello fixo o que debía facer, informar a Facenda das subvencións que dá, e entre os mais indignados algún deputado do parlamento de Galicia que asevera en declaracións aos medios que o concello debería avisar aos veciños de tan estraña cousa, e que a algúns deles unha subvención dunha contía tan elevada, (como máximo pode ser de 70€), pode facer que os contribuíntes se vexan obrigados a facer a renda.

As administracións públicas, toman decisións coma as de outorgar axudas públicas, as cales nos poden gustar máis ou menos. O contexto da pandemia mundial da COVID foi un momento no que se tratou de sustentar diversos sectores, polo que se levaron a cabo distintas medidas que incidiron en ámbitos coma o do comercio.

Neste caso, o Concello de Ribadeo decidiu continuar pola súa aposta de moeda municipal, as Panchas. Este «diñeiro» que o concello financiaba, levaba implícita unha axuda pública polo que, como se indica, o aviso que debería dar o concello, está feito fai moitos anos xa, e debería coñecelo o señor deputado so polo feito de selo, chámase Lei 35/2006, a LIRPF, e foi publicada no BOE do 29 de novembro de 2006, no que evidentemente se regula o imposto e se establecen entre outras moitas cousas os obrigados a facer a declaración da renda.