Luz Pozo Garza, Filla Predilecta de Ribadeo

Pilar Otero Cabarcos

RIBADEO

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Luz Pozo Garza naceu en Ribadeo en 1922. Estudou na escola ribadense de Prieto Cussent e con 8 anos comezou a aprender piano, violín e laúde. (Estes estudos musicais deixarán unha singular pegada na súa poética). Las Riberas del Eo, La Noche , Poesía Española , Ínsula, Vida Gallega… van acollendo os seus primeiros traballos e Dionisio Gamallo Fierros convértese, en palabras da autora, no seu mentor. Con 14 anos, por mor da Guerra Civil e da persecución da que foi obxecto seu pai, inspector veterinario militante de Izquierda Republicana, trasladouse coa súa familia a Lugo e logo a Larache (Marrocos). De volta en Galiza, a familia reside en Viveiro.

Compaxinou os estudos musicais cos de Maxisterio e logo cos de Filoloxía Románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión.

É membro da Real Academia Galega dende 1996. O seu discurso de ingreso titulouse Diálogos con Rosalía. Luz Pozo Garza é, segundo a catedrática de Filoloxía Galego-portuguesa Rosario Álvarez, «unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral». Desde este libro até o último , Pazo de Tor, publicado 67 anos despois, Luz Pozo achega «unha poesía inzada de sensualidade profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez».