Carta de Núñez Feijoo ao alcalde de Ribadeo polo abastecemento

Alberto Núñez Feijoo

RIBADEO

SANDRA ALONSO

17 sep 2019 . Actualizado a las 09:52 h.

E stimado Alcalde:

En primeiro lugar, quero facerlle chegar a miña felicitación pola recente investidura, que supón a súa continuidade como alcalde de Ribadeo, e aproveito para trasladarlle a nosa enteira disposición a unha colaboración leal e construtiva.

Por outra banda, escríbolle en contestación ao seu escrito de data 4 de setembro de 2019, anunciado previamente a través dos medios de comunicación, no que me solicita unha xuntanza para abordar as necesidades do abastecemento de auga aos municipios de Trabada e Ribadeo.

Ao respecto, como sabe, a Administración municipal ostenta as competencias en materia de subministro de auga, sumidoiros e tratamento de augas residuais, que lle son atribuídas a tráves da Lei 7/1984 de 2 de abril reguladora das bases de réxime local no seu artigo 25.2 c).

Non obstante, Augas de Galicia, co obxectivo de axudar e apoiar aos concellos nas súas propias competencias de abastecemento, saneamento e depuración, e sendo consciente da importancia da depuración das augas para o noso turismo, para o noso sector marisqueiro e pesqueiro, e tamén para a calidade das nosas praias, cumpriu o compromiso adquirido de construír a depuradora de Ribadeo, que a Administración autonómica continúa a explotar na actualidade a través dun investimento total da Xunta de Galicia que supera os 18 millóns de euros.

Asi mesmo, e segundo me informan desde Augas de Galicia, no ano 2014 esta entidade dispuña dos proxectos e dos fondos consignados para financiar as obras de abastecemento, pero a falta de dispoñibilidade de terreos que debería ter facilitado o Concello de Ribadeo imposibilitou a súa materialización. Recentemente a Xunta de Galicia deulles traslado dos proxectos técnicos elaborados para a mellora do sistema de abastecemento de auga en Ribadeo coa fin de apoiar ao Concello no impulso desta actuación necesaria parar o exercicio das súas responsabilidades. Lémbrolle que a Deputación Provincial de Lugo ten entre os seus cometidos o auxilio aos concellos de menos de 20.000 habitantes no exercicio das competencias que lles son propias, e a súa colaboración técnica e financeira en proxectos destas características sería un estímulo para facilitar a actuación que non se puido materializar no ano 2014 cando había fondos específicos para poder levala a cabo.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia cumpre o deber de apoiar e axudar aos municipios no exercicio das súas competencias de saneamento e abastecemento e, por este motivo, dei instrucións á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que atenda a solicitude de entrevista solicitada por vostede co obxecto de avanzar xuntos na mellora dos servizos relacionados coa auga dos veciños e veciñas da Mariña lucense.

Atentamente. Coa miña consideración, Alberto Núñez Feijoo. Presidente da Xunta. Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019.