«Cada traballo que vas facendo vaite definindo máis»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA/LA VOZ

BURELA

CEDIDA

A artista pontevedresa chega a Burela este domingo co seu traballo máis persoal chamado«Respirar»

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, domingo 19?•?19.30 horas?•?Casa da Cultura?• Entrada: 5 euros?•?«Unha das voces que máis está soando na actualidade», dicía hai uns días o edil José Díaz co gallo da visita da cantante a Burela este domingo. Andrea Pousa chega con ledicia e fonda ilusión ao corazón xeográfico da Mariña porque vén a presentar o seu traballo en solitario. O primeiro. Ela ten xa unha ampla bagaxe no eido musical, a raíz dos múltiples espectáculos nos que ten participado. Esta vez, enriba do escenario, só Andrea Pousa, xunto cos seus músicos, en directo: Nani García, Alfonso Calvo e Miguel Cabana.

-O disco titúlase «Respirar». Soa a bocanada de aire fresco.

-Respirar é algo indispensable. Este traballo chegou a min cando tiña anos percorridos no mundo artístico. Precisaba un disco indispensable para a vida, necesitábao como unha bocanada de aire fresco, como un espazo para min, despois de ter participado en moitos espectáculos e con moitas compañías, incluída a miña Queiman e Pousa.

-Por tanto, sería un traballo máis persoal, máis íntimo. No concerto, qué busca amosar?

-Este é un concerto para escoitar mensaxes profundas. Cando nos atopamos sos, que mellor arrolo que arrolarnos nós mesmos! No disco fálase tamén de temas actuais, de igualdade de xénero, de inmigración, das fronteiras, da ignorancia das fronteiras, do amor libre... Son mensaxes contundentes e importantes e á vez é un concerto onde a xente vai a disfrutar.

-Xusto cadra este concerto nunha localidade cunha importante comunidade inmigrante. Moitos viñeron polo emprego no mundo do mar.

-Un dos temas dos que falo é de que son filla do mar. O mar como un punto de unión. Burela une a diferentes países e é unha mestura de culturas. Que bonito vivir así nun entorno sen fronteiras, sen racismo, vivir libremente... e que calquera casa sexa a casa nosa que poder pisar!

-En «Respirar» canta en galego, castelán e portugués. Ten cantado en máis idiomas?

-Cantei en inglés, francés e alemán pero neste disco quixen facelo neses tres idiomas porque son os que uso a cotío. Eu son da raia, non me gusta dicir fronteira, porque realmente é unha raia a que une Galicia e Portugal: o Miño. De feito, teño raíces portuguesas coma moita xente do sur de Galicia, vai polas miñas veas e non podo xirarme de espaldas a Portugal. Cantos rasgos do fado e dramatismos das cantantes portuguesas teño porque forman parte da miña esencia. Está no meu adn.

-Que nos pode contar de vindeiros traballos musicais seus?

-Agora traballo en Lisboa cun compositor portugués que ten moita relación con Galicia e comigo. Ese é o noso segundo traballo, no que haberá colaboracións con irmáns portugueses e será máis definido. En Respirar hai diferentes sonoridades, do folk, do jazz... pero este vai ser máis definido. Cada traballo que vas facendo vaite definindo máis.

-Ogallá haxa Andrea para rato.

-Considérome unha afortunada de poder vivir disto pero tampouco é unha sorte que cae do ceo. Sorte si porque hai factores que se van acumulando, pero tes que apostar polo que ti queres. Puiden dedicarme a administración e finanzas pero non quixen, quixen lanzarme ao vacío, crin e min e pensei ‘querer é poder’. E tiven o apoio da familia.