Sigue a campaña de adhesións para que concedan a Medalla Castelao a Antonina Semedo

La Voz

BURELA

PEPA LOSADA

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este pasado luns, día 21, abriuse ao público a campaña de apoio cidadán para conseguir o recoñecemento da Xunta de Galicia -a concesión da Medalla Castelao- para o labor social desenvolvido por Antonina Semedo ao longo dos 40 anos que esta muller, de Cabo Verde, leva na nosa terra en Burela.

As clásicas follas de adhesión en papel complementáronse cunha coñecida páxina de internet especializada en campañas de participación social.No primeiro día aberto á participación popular un millar de persoas manifestaron o seu apoio en plataformas dixitais e en follas de sinaturas.

Ademáis dos numerosos apoios de particulares, que deixan mostras de adhesión nas diferentes redes sociais, polo momento a petición da Medalla Castelao para a integrante de Batuko Tabanka conta co respaldo de varias asociacións da Mariña. As primeiras en respaldar a iniciativa foron as mulleres do Observatorio da Mariña pola Igualdade, unha entidade coa que Antonina Semedo colabora frecuentemente. Do mesmo xeito, polo momento, subscribiron o documento de solicitude a asociación musical Dambara, o centro social Xebra, a asociación Vagalume e a da Semana Santa.

A campaña de recollida de adhesións segue en marcha coa finalidade de que a Xunta lle conceda a Medalla Castelao a esta muller.