Volve ao museo o torques de Burela

E. M. VIVEIRO / LUGO / LA VOZ

BURELA

O vicepresidente Antonio Veiga onte no museo, detrás del a figura do carneiro alado.
O vicepresidente Antonio Veiga onte no museo, detrás del a figura do carneiro alado.

Tamén «o carneiro alado» de Ribadeo e máis pezas de Viveiro, Mondoñedo e Foz

11 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve a ser gardado no Museo Provincial de Lugo o famoso torques de Burela, unha das pezas arqueolóxicas máis prezadas de cantas se custodian. Tamén está de novo no museo dende onte o carneiro alado de Ribadeo e máis vestixios achados en Viveiro, Mondoñedo ou Foz, polo que respecta á comarca da Mariña.

Grandes tesouros da nosa historia que explican o pasado, as nosas orixes e que, de novo, se poden visitar no Museo Provincial grazas ao acordo acadado polo goberno da Deputación (PSOE e BNG) cos herdeiros de Álvaro Gil, dono da colección.

A Deputación aforra preto de cinco millóns de euros co acordo asinado onte ao mediodía cos herdeiros de Álvaro Gil para a adquisición da colección de ourivería prerromana. Danse así por rematados quince anos de sucesivos desencontros entre a familia do mecenas lugués e a Deputación. Mario Outeiro, do BNG, destacaba onte que «esta sinatura supón unha magnífica noticia para a xente desta provincia, xa que recuperamos para todo o pobo galego un destacado tesouro do noso patrimonio material».

Os herdeiros de Álvaro Gil reciben 600.000 euros en concepto de custas e gastos xudiciais (94.000 menos dos que se sinalaron inicialmente), máis 2.346.200 euros pola colección de ourivería, a pagar en cinco anualidades dende o 2014 ata 2018. Os herdeiros renuncian a calquera acción administrativa ou xudicial de responsabilidade patrimonial. Hai paz e un tesouro que é de todos.

no museo provincial acordo cos herdeiros de álvaro gil