O polo do Freixo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A PONTENOVA

11 nov 2022 . Actualizado a las 19:39 h.

Oámbito do turismo é un exemplo interesante de como en moitas ocasións o éxito de público e de servizos converxen sen a necesidade de plans institucionais de apoio. Penso nunha aldeíña preciosa da Pontenova (Lugo) na que estiven hai pouco chamada Vilarxubín, onde os propietarios restauran as casas con enorme respecto e sen directrices públicas. Ou nos alpendres que os veciños construíron en Belesar, respectando unha paisaxe de ribeira única. Non sempre acontece, pero acontece.

Agora, sigo con enorme interese un novo fenómeno: a conformación do Freixo de Sabardes, en Muros, como un singular destino gastronómico da nosa comarca. Conflúen nestes momentos, neste pequeno porto, catro restaurantes con estilos diferenciados: o tradicional Pepe do Coxo, coas súas ostras e peixe de calidade; o Taboleiro, con berberechos e unha cociña máis de racións; o restaurante Ríos, cunha excelente adega, un gran servizo e unha cociña de altura; e o innovador asador Albatros, que ofrece o contrapunto creativo e fresco. Parece que todos eles se puxeran de acordo entre eles para ofrecer diferentes estilos e prezos, algo nada habitual no país.

Non sei moi ben cal é a maxia do Freixo, pero teño claro que é un exemplo de como poden funcionar os microdestinos. Este punto do territorio de Outes constitúe esa escapada instantánea para un compostelán preguiceiro con ansias de mar e de darse unha boa homenaxe. Pero tamén é o paseo para un veciño de Carnota ou Noia. Paso a paso, vaise creando unha marca real de boa gastronomía que paga a pena ir poñendo por escrito nestas páxinas.