Denuncia sobre a situación da residencia e centro de día de Foz

ASOCIACIÓN AGARIMOS

A MARIÑA

Imagen del interior de la residencia y centro de día de Foz; la zona de taquillas en un pasillo
Imagen del interior de la residencia y centro de día de Foz; la zona de taquillas en un pasillo PEPA LOSADA

19 mar 2026 . Actualizado a las 18:20 h.

A “Asociación Agarimos” -anteriormente Plataforma de Afectados pola Suba Abusiva das tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz-, denuncia a través dos medios de comunicación a intransixencia do Sr. Alcalde en reunirse con esta Asociación para tratar a situación da Residencia e Centro de Día de Foz. No ano 2024 o Concello de Foz convoca a licitación contrato para a concesión dos servizos da Residencia e Centro de Dia do Concello Foz. A proposta de Adxudicación definitiva, que recaeu na sociedade CK Senior Gestión S.L., foi defendida pola Alcaldía no Pleno do 26-09-2024. Neste mesmo pleno son presentadas, polo PP e polo BNG, cada súa emenda nas que consideraban, en base ao ”Interese Público”, que a suba de prezos a satisfacer polo servizo imposibilitaba ás veciñas e veciños de Foz facer fronte aos prezos resultantes da licitación por representar un incremento superior ao 50% sobre as tarifas en vigor (700€ ao mes), resultando para os grados II e III unhas cotas mensuais de 2.013€. Ademais esta proposta, de sair adiante, supoñería que moitas e moitos residentes abandonarían a praza por non poder facer fronte a esas cotas.

   Estes eran motivos máis que suficientes para renunciar ao Contrato pois nel non se atendía o Interese Público buscado coa Licitación. Para xustificar a súa proposta de renuncia ao Contrato, o BNG presentou un informe xurídico redactado por un catedrático da Universidade da Coruña, experto en materia de Contratación Pública. Este informe saíu adiante ao votar favorablemente o PP e o propio BNG, votando en contra -alineado coa proposta da empresa C.K. Senior Gestión SL.- o grupo político do PSOE. Contra este acordo plenario de renuncia ao Contrato, a empresa CK Senior Gestión S.L. presenta recurso diante do Tribunal de Contratación de Galicia (TCGAL) solicitando a anulación do mesmo. Con data 11 de decembro de 2024, o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL) emite Resolución admitindo os argumentos do informe do Catedrático da Universidade da Coruña que defendían que existen motivos suficientes para decidir sobre a non celebración do contrato ao non satisfacer iste o interese público, desestimando así definitivamente os recursos presentados pola Empresa C.K. Senior Gestión S.L. e admitindo que era totalmente legal a renuncia ao contrato que votaran PP e BNG. Desde esta Resolución do Tribunal Advo. de Contratación de Galicia (TCGAL) de decembro de 2024, vímoslle reclamando ao Sr.Alcalde de Foz que elabore unha proposta de Ordenanza de prezos públicos que resolva o problema de deixar as cotas residenciais na absoluta incerteza, ademais de solicitarlle por tres veces, primeiro como Plataforma de Afectados e despois como Asociación en dúas ocasións -a última o día 26 de xaneiro de 2026-, que convocase unha reunión cara a resolver a problemática existente mediante a constitución dunha mesa de negociación. No último escrito presentado o día 26 de xaneiro pasado, tamén lle solicitamos que una vez que o edificio fose de titularidade municipal, circunstancia que aconteceu o pasado día 13 de febreiro, o Concello consensuase con esta Asociación as decisións que se pretendan levar a cabo nun asunto de tanta relevancia como é a futura xestión municipal dos servicios da Residencia e Centro de Dia de Foz. Transcorridos 15 meses desde a primeira solicitude e case dous meses desde a última sen ternos convocado nin contestado aos nosos escritos, seguimos sen entender esta incapacidade e cerrazón do Sr. Cajoto en recibirnos ou polo menos contestar aos escritos presentados. Dános a impresión que o que pretende, unha vez máis, é impoñer o seu poder facendo valer a súa autoridade antes de promover un acordo dialogado. Lembrámoslle que en democracia debe de primar o diálogo antes que a imposición e a arrogancia, prácticas de outros tempos.

Por isto, desde un principio nós lle demandamos reiteradamente que constituíse esa mesa de negociación na que se traballase para establecer, mediante unha Ordenanza de Prezos Públicos, unha suba razoable, non abusiva e non supeditada a posibles procesos de licitación ou concertos futuros e agardábamos que, despois da Resolución do Tribunal Advo.de Contratación de Galicia (TACGAL) de decembro 2024 e independentemente da titularidade do Edificio, se iniciara esa vía de diálogo co obxectivo de aliviarlle a carga financieira ao Concello ao mesmo tempo que se establecían unhas tarifas xustas. Despois de tres solicitudes formais presentadas, seguimos agardando a que o Sr. Cajoto e o seu grupo político se dignen en poñer en marcha ese proceso de diálogo e negociación. A este respecto, botamos de menos a sensibilidade cos afectados que sí demostran as outras agrupacións políticas.

  Mesmo noutros Concellos da Provincia, onde se da una problemática similar arredor do furor privatizador das Residencias Municipais, constatamos como o partido que representa aquí o Sr. Alcalde, se pon do lado dos afectados nesas localidades, e os gobernantes, contrariamente ao que nos ocorre aquí co Sr. Cajoto, sí se reúnen con eles. Neste sentido, desde aquí expresamos a nosa solidaridade e apoio ás familias afectadas pola suba excesiva de prezos da Residencia de San Cibrao, produto da adxudicación á mesma empresa que optou aos Servizos de Residencia e Centro de Dia de Foz, cuxa proposta de adxudicación foi rexeitada polo Pleno e avalada por Resolución do TACGAL, precisamente por non atender ao Interese Xeral e Social que debe primar nunha administración pública.