A UPA (Unidade Pastoral) Viveiro-Xove poñerá un autobús para os participantes
24 feb 2026 . Actualizado a las 09:58 h.A diocese Mondoñedo-Ferrol celebrará o próximo 14 de marzo, que é sábado, a Festa da Misericordia en Mondoñedo. Os actos darán comezo ás 10.00 horas cunha acollida no Seminario. Ás 10.30 haberá unha oración e un saúdo do bispo, Fernando García Cadiñanos, no salón de actos. A continuación terán lugar actividades para nenos e ás 11.00 horas haberá un relatorio. Máis tarde desenvolvarase a «celebración do sacramento do perdón» na Catedral e, de volta no Seminario, novas actividades para nenas e nenos, mozas e mozos e persoas adultas. Ás 14.15 horas dará comezo un xantar compartido (tamén se poderá tomar o menú do Seminario), mentres que ás 16.30 haberá unha actividade festiva.
Desde a Unidade Pastoral (UPA) Viveiro-Xove anuncian que poñerán un autobús con saídas desde a estación de autobuses de Viveiro, Celeiro e Xove. «Desde esta UPA levaremos comida para compartir alí, pero se alguén prefire o menú que o diga canto antes por wasap», indican. Na inscrición, que pode realizarse antes do 10 de marzo no 616 281 811, debe incluírse o nome, o número de teléfono, se a persoa vai en coche particular ou en bus (neste caso desde que parada), e se come menú ou comida compartida da que leve a UPA. Ó apuntarse, a organización tamén pide que se indique o número de persoas que teñen previsto acudir e as súas idades de cara á preparación de actividades específicas para nenos, mozos e familias.