Contra as falsidades e polos apoios educativos imprescindibles

Familias do CEIP Plurilingüe de Covas

A MARIÑA

<span lang= gl >Familias do CEIP Plurilingüe de Covas vestiron de loito o 23 de xaneiro no oitavo «venres negro» para denunciar a situación de «extrema urxencia» que, segundo denuncian, vive un centro no que o 22% do alumnado precisa apoio educativo extra</span>
Familias do CEIP Plurilingüe de Covas vestiron de loito o 23 de xaneiro no oitavo «venres negro» para denunciar a situación de «extrema urxencia» que, segundo denuncian, vive un centro no que o 22% do alumnado precisa apoio educativo extra

24 ene 2026 . Actualizado a las 20:26 h.

Ante as intervencións realizadas na Comisión de Educación e Cultura do 22/01/2026, as familias do CEIP Plurilingüe de Covas queremos manifestar publicamente a nosa indignación polas afirmacións realizadas pola Xunta, que non se corresponden coa realidade do centro e supoñen un intento de enganar á cidadanía e minimizar unha situación de urxencia educativa. En primeiro lugar, os datos ofrecidos sobre o persoal especialista en apoio educativo son falsos. A Xunta afirmou que o centro conta con 2 especialistas en Audición e Linguaxe (AL) e 2,5 en Pedagoxía Terapéutica (PT), que é exactamente a dotación que tanto a dirección do centro como as familias vimos reclamando dende antes do inicio do presente curso, por considerala imprescindible para atender adecuadamente ao alumnado. Porén, esa dotación non existe na realidade: actualmente o centro dispón só de 1,5 AL e 2 PT, sendo unha delas a directora, o que implica 7 horas semanais menos de atención directa ao alumnado. Esiximos saber se ese incremento foi aprobado e non comunicado ao centro, se está pendente de asignación ou se simplemente se recoñece como necesario pero non se considera prioritario facelo efectivo. O que non é admisible é presentar como existente un persoal que non está no centro e enganar á cidadanía con datos que non se corresponden coa realidade. En segundo lugar, consideramos gravísimas as afirmacións que minimizan a falta desas 7 horas de PT, ao suxerir que poden ser cubertas polo anterior director que “xa non ten esas horas de adicación” Isto supón unha falta de respecto tanto ao anterior director —que actualmente desempeña o seu posto como mestre de Educación Infantil a xornada completa— como, sobre todo, ao persoal especialista en apoio educativo, cuxo traballo se pretende facer pasar por prescindible ou substituíble. O labor dos especialistas en AL e PT é específico e único e non pode ser asumido polo resto de docentes. En terceiro lugar, a utilización de datos descontextualizados sobre o número de alumnos por aula é profundamente enganosa. Que o centro se atope por debaixo dos ratios máximos permitidos non implica en absoluto que non precise apoios adicionais. O 22% do alumnado presenta necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), o que supón bloqueo de prazas e unha maior carga de atención individualizada. Que nunha aula haxa 19 matrículas non significa que existan 6 prazas libres reais. Estes son datos en frío que ignoran deliberadamente a realidade do centro. Ademais, a Xunta omite que a baixa matrícula está directamente relacionada co abandono institucional ao que se somete o CEIP Plurilingüe de Covas, un centro sen servizos coma comedor escolar ou transporte, o que obriga a moitas familias a escolarizar os seus fillos e fillas noutros centros por simples razóns de conciliación. Por último, rexeitamos rotundamente a afirmación de que non existen recortes respecto ao curso pasado. Comparar a situación actual coa de hai 20 anos só pretende desviar o debate. O feito obxectivo é que o centro conta con medio posto menos de AL e con 7 horas menos de PT ca no curso anterior, e iso, por moito que se intente maquillar, son recortes reais que afectan directamente á atención do alumnado. As familias do CEIP Plurilingüe de Covas queremos deixar claro que estas intervencións non só faltan á verdade, senón que buscan ocultar unha situación de urxencia educativa que estamos a vivir no centro e nos nosos fogares. Non se pode comezar unha intervención falando de respecto ás familias para, a continuación, negar, minimizar ou falsear a realidade. Con moita impotencia vimos cómo finalmente a solicitude do necesario incremento da dotación do profesorado de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica no noso colexio foi denegada con 9 votos en contra por parte do PP e 7 votos a favor por parte do BNG e o PSOE. Seguiremos loitando, mobilizadas e organizadas, ata que se dote ao noso centro dos recursos que a propia Xunta recoñececeu onte de facto como imprescindibles para garantir unha educación pública, inclusiva e de calidade. Familias do CEIP Plurilingüe de Covas