Mini, cantautor que actuará no Teatro das Cortes (Cabanas) o sábado 25: «Estiven de mestre no Vicedo no 1973, cando empezabamos co galego na escola de forma clandestina»
A MARIÑA
Xosé Luis Rivas Cruz ofrecerá un concerto «para divertir á xente e facela pensar un pouco» coa formación Catro nun zoco
22 may 2024 . Actualizado a las 19:19 h.Xosé Luis Rivas Cruz, Mini (San Martiño de Pacios, Begonte, 1951), é unha das voces de Galicia. Membro fundador de Fuxan os ventos ou de A Quenlla, autor da música de Sementeira, un dos temas máis simbólicos do país; é mestre xubilado e foi alcalde de Boimorto ou deputado no Parlamento galego co BNG. Este sábado, 25 de maio, participará no «Sábado das Letras» que acollerá o Teatro das Cortes, no lugar de Xestoso, parroquia de Cabanas, no Vicedo, e no que haberá unha proxección do vídeo «Irmandinhas da Fala» (18.00 horas), ademais dun recital aberto (18.30). Ás 20.00 horas comezará o concerto de Catro nun Zoco, a formación na que Mini comparte escenario coas súas fillas, as músicas Navia e Iria Rivas, e a violinista Marina Quintillán. A entrada será de balde.
—Como será a actuación?
—Vai ser un concerto de música tradicional e música de autor, que é o que levo facendo toda a vida. Intentaremos divertir á xente, que o pase ben, e tamén facela pensar un pouco. A nosa música leva eses dous pousos: por un lado, o da alegría e de compartir; e por outro, o de intentar deixar algunha mensaxe para remoer, cada un como queira, cada un coa dentadura que teña. Pero remoer é interesante sempre.
—Que supón cantar no Teatro das Cortes, unha iniciativa impulsada polo actor Pepe Penabade na súa terra natal?
—Por un lado, volver ó Vicedo, onde estiven de mestre no 1973, cando empezamos co galego na escola de forma clandestina. Sempre gardei un boísimo recordo dese lugar e da súa xente. Fora unha experiencia moi bonita, de anovar cousas. Houbera un xaleo grande e chegaramos dez mestres noviños do paquete, probando novas maneiras de dar clase. Era romper co fascismo, coa escola clásica de vara e autoritas. E Cabanas é a terra de Pepe, un home especial en todas as dimensións: na artística, na persoal..., e sobre todo un amigo. Coñecémonos de hai moito e colaboramos en dúas obras de teatro: Pan e Menciñeiros. Oportunidades especiais de aprender e compartir.
—Como ve o rural?
—O rural necesita unha inxección de forza e de poboación, necesita renovación económica. Mentres o país non se dea conta de que o lóxico é que a cidade se alimente dun rural vivo e dinámico, mentres estea vivindo das importacións e teña abandonadas as súas terras, seguiremos nese impás. Pero eu sigo crendo nun rexurdimento serio e potente do rural. A vida é dureza, pero tamén alegría e esperanza, e a xente do rural sabe moito desas dúas cousas.