Antes de continuar publicitando aos nosos veciños produtores, imos facer un alto no camiño debido a que o vindeiro domingo 15 de marzo celébrase o Día Mundial do Consumo Responsable, e vai moi ao fío do que trataremos máis adiante, así que imos analizalo. Unha data máis de visibilización e concienciación da sociedade en canto a consumo responsable se refire. Algo que sen dúbida algunha agora é máis sinxelo de mostrar e abordar, dende que as propias Nacións Unidas decidiron incluír dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible un específico sobre o consumo, é o ODS12. CONSUMO RESPONSABLE. Este obxectivo fala de garantir o benestar da poboación, a través do acceso á auga, á enerxía, aos alimentos e a outros bens e servizos, sen pór en perigo os recursos naturais do planeta.
A saúde do planeta e nosa
Os modelos actuais de produción e consumo poñen en risco a saúde do planeta e a nosa mesma, desequilibrando e dañando ecosistemas, aniquilando a biodiversidade e moitas máis consecuencias nocivas. Tanto a nivel individual como colectivo temos moita responsabilidade sobre qué e cómo mercamos. Cada unha de nós temos un certo poder en cada merca que realizamos. Qué consecuencias ten cando merco no comercio local?, qué cando o fago por internet, qué acontece cando merco compulsivamente, reiteradamente? Qué sucede se merco a granel? Envasado?. Estas poden converterse en miles de preguntas, tantas como consumidores e tipos de consumo existen. E o mesmo que estou a exemplificar como individuo podemos extrapolalo ao consumo que se exerce dende institucións, organizacións e empresas.
Cómo debemos consumir? RESPONSABLEMENTE.