Tortilla de ovos de gaivota

Miguel Vila CUNQUEIRIANA

A MARIÑA

06 mar 2020 . Actualizado a las 11:50 h.

«Tenía la barba rizada, mejoraba la sidra de la que bebía, y cuando tenía hambre, llegaba del mar una gaviota y le ponía un huevo en la capucha», escribe Álvaro Cunqueiro en 1968 sobre san Ronán.

Ronán, irlandés fuxido da súa terra no século V, foi, segundo conta Cunqueiro, evanxelizador da Armórica e bispo. Da súa presenza en Bretaña quedaría a cidade de Locronan (Loc Ronan) e da súa dieta o que nos conta o mindoniense no seu artigo.

Pero a frase lévame a pensar porque non é habitual o consumo de ovos de gaivota nun país onde estes paxaros abundan e resultan ás veces máis fastidiosos que outra cousa. Imaxino que a recolección dos mesmos terá o seu aquel, pero non máis perigos que, por exemplo, a dos percebes.

E nos tempos da fame, cando un ovo era un tesouro, ¿comeríanse os ovos das gaivotas galegas ou algún prexuízo o impediría? Haberá que preguntar.

Mentres chega o día, busco na internet información sobre o consumo destes ovos e atopo unha información sensacional: en maio de 2012 unha tortilla de ovos de gaivota custaba en Londres 135 euros, o que a convertía na tortilla máis cara do mundo. Paréceme moito diñeiro por unha tortilla, e máis despois de ver os prezos que imperan no restaurante londiniense referido, Boisdale. O ano anterior en Londres cada ovo de gaivota se valoraba en ata cinco libras. Agora, co Brexit, quen sabe o que pasou con eles.

 Os noruegueses, polo visto, tamén comen estes ovos, cocidos e acompañados de pan sen levedar, manteiga e cervexa ben fría. Pode que Cunqueiro non soubera de tal costume inda que, afeccionado como era a escribir sobre viquingos visitantes das costas galegas, haberá que revisar os seus textos a ver se hai algunha tortilla de gaivota mariñana.

De ovos raros en Londres tamén escribiu Julio Camba. Neste caso dos ovos de pingüín, dos que conta que nun tempo estiveron de moda na capital británica e que lle provocaron noxo ás sardiñas, porque tales ovos sabían a ese peixe... e o peixe sabíalle a ovos de pingüín.

Cousas de ingleses!

 * Miguel Vila Pernas, escritor do valadouro, premio Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico.

http://colineta.com/Cunqueiriana/