«Cando era neno xa quería ser mestre»

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. Penoucos LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

OSCAR CELA

O fútbol e o ensino son as dúas paixóns de Eduardo Fernández Abel, un xubilado «con moitas ocupacións»

13 ago 2018 . Actualizado a las 09:04 h.

O ex xogador, adestrador e mestre xubilado, ademais de comentarista radiofónico, responsable político de Deportes na Xunta de Galicia e na Deputación de Lugo, mestre xubilado, cantante de coros e cofundador da Cohors III Lucensium Eduardo Fernández Abel é unha das persoas máis coñecidas na provincia e tamén máis activa. A súa vida está chea de recordos, e unha das súas virtudes é o sentido do humor como demostra cando di que fai uns meses «veume visitar para quedarse James Parkinson, pero téñoo controlado».

-¿Cando empezou a súa relación co fútbol?

-Tiña 9 anos e formamos o equipo Shanghai Lily no Instituto Masculino no que tiven como compañeiro a Fabri. Falsificáronme a partida de nacemento para que puidera xogar e fomos campións lucenses.

-¿Cal é o seu mellor recordo deportivo?

-A estrea co Lugo de Terceira División, aínda que foi nun amigable diante do Coristanco e despois o adestrador, Manolín, non me incluíu no equipo e xoguei no Lugo Atlético. Despois chegou un momento no que tiven que escoller entre o deporte ou os estudos e decidín estudar.

-¿Cómo lembra o seu paso como adestrador do Lugo?

-Con moito orgullo. Fíxome moita ilusión adestrar ao equipo da miña cidade o que non logrei chegar como xogador e tamén estar varios anos no corpo técnico con Xulio Díaz.

-¿Como ve agora ao Lugo?

-Coa ledicia dunha persoa que sinte as cores albivermellas desde neno. É un pracer contar cun equipo cunha estrutura consolidada no fútbol profesional e que no momento menos agardado pode dar o salto a primeira. O que se pode mellorar é a asistencia ao campo, xa que nunha provincia cunha grandísima afección ao fútbol non van o Anxo Carro todas as persoas que deberían.

-¿Qué recordos ten do seu paso polos medios de comunicación?

-Radiovoz y La Voz de Galicia déronme a oportunidade de expoñer as miñas ideas e sempre me respectaron compañeiros como Fernando Hidalgo, Isidoro Valerio ou Xosé Ramón Penoucos, que me axudaron moito.

-¿É certo que non garda bon recordo do paso pola política?

-É verdade. Un amigo persoal pediume que lle votara un cable o BNG no eido deportivo e aceptei o reto de ser dous anos xefe provincial de Deportes na Deputación e outros tantos na Xunta. Ese tempo serviume para darme conta de que o deporte está pelexado coa cultura e coa economía e que se trata do patiño feo en axudas. Está infravalorado e non o entendo.

-¿A súa vocación foi sempre ser mestre?

-Sin ningunha dúbida. Con 14 anos xa daba clases nunha academia da Praza do Campo coas miñas irmáns. Sempre gardarei con moito cariño a miña mestra de párvulos Carmiña Dapena e outros compañeiros como Dolores Rigueiro ou Xesús Costa Rodil. Ser mestre foi a miña ilusión de neno e recordo todos os centros onde impartín clase, especialmente os 15 cursos en Santa María de Lugo.

-¿Sempre destacou o rol da súa familia?

-Foi o apoio da miña vida, tanto os meus pais e a miña avoa, sempre destacarei que fun un privilexiado por criarme en parte a miña avoa, como agora a miña muller e as fillas. Desde que xogaba no atrio da catedral, na Praza do Campo ou nas carballeiras de Montirón a familia sempre estivo na primeira liña na miña vida.

-¿Que foi o que o enganchou no Arde Lucus?

-Sempre defendín que había que coidar os restos romanos e castrexos da nosa cidade y coñecer e defender a súa historia, por iso decidín participar na fundación da Cohors III Lucensium y desfilar con la indumentaria de procónsul. A verdade é que resulta incrible ver agora no que se converteu na festa e a repercusión que ten.

-¿Cómo afronta a xubilación?

-Con moitas ocupacións, xa que tamén canto no Orfeón Xan Montes, que se volcou comigo e aceptou a miña modesta voz. O menos positivo é que me veu a visitar, para quedarse, James Parkinson. Por fortuna téñoo controlado grazas aos desvelos dos equipos médicos do doutor Botana e da doutora Suárez e o respaldo de asociación ASPALU. Como desde o 84 padezo a variedade de diabetes Mellitus tipo 1 xa sei como tourear coa enfermidade.

«O deporte está pelexado coa cultura e coa economía; está infravalorado»

«Sempre destacarei que fun un privilexiado por criarme en parte a miña avoa»

«Veu a visitarme, para quedarse, James Parkinson; pero por fortuña téñoo controlado»