O caxato de Dalí

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

Opasado 11 de abril foi o día mundial do Párkinson. Eu coñecín a unha muller destas que describen á perfección á «boa muller» galega que nunca se queixa.

Eu coñecín a unha muller presumida, que cosía, que criaba galiñas, afillada da Virxe María e que de nova, namorou ó son do «Tiroliroliro». Eu coñecina cando xa pintaba os cadros coma Dalí. «Na arte, cada pincelada individual auto replícase por todo o cadro creando a forma, o espazo e o patrón», di a psicóloga da Universidade de Liverpool Alex Forsythe, que con outros expertos no tema estudaron a obra de Dalí atendendo ó reflexo da súa enfermidade na súa obra dos últimos anos. Carmen, así se chamaba a moza xeitosiña que facía moda galega sen sabelo alá polo

1948. Tiña nome da Ópera de Bizet, facía unha tortilla de pataca coma ningunha.

Ós 51 anos comezou a deixar de darlle voltas á tortilla e de enfiar agullas pero LOITOU, no seu silencio, no silencio que lle ensinaran que era de ser «boa muller» galega. Non protestaba. A rixidez, o tremer, a inestabilidade, A DOR,... nada, ela non protestaba. Era unha «boa muller» galega que aguantaba.

Pouco a pouco tivo que prescindir de vestidos de bo xénero, xa non era quen de abotoarse. Deixou de darlles de comer ás galiñas, porque ela na cadeira de rodas non podía. Pintaba cadros coma Dalí, apoiado no seu caxato para evitar a torpeza no seu trazado. A miña avoa Carmen, que lle facía xustiza en beleza á xitana de D. Xosé loitou ata o final coma a da Ópera.

Admiro profundamente ós que combaten titanicamente este mal e pintan os «reloxos brandos» en nome da «persistencia da memoria» nosa.