«Hai algo máxico en Viveiro, é o eco»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Os días de máis participación das visitas guiadas son o Xoves e Venres Santo, sinala

28 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as seis da tarde e aos pés da estatua de Pastor Díaz, na Praza Maior, vaise concentrando un bo número de xente con ganas de aprender a mirar o casco antiguo de Viveiro con outros ollos. Acompáñaos o historiador e guía turístico Suso Martínez (Viveiro, 1976), quen goza tanto coma eles do belo paseo traducindo o que as pedras da zona vello contan. Nas xornadas de Xoves e Venres Santo supera as cen persoas.

-Que edición é do ciclo do Centro Comercial Histórico en colaboración coa Xunta de Cofradías?

-É incríble! Oitos anos! Empezamos no 2010. Para min é unha alegría porque volvo a Viveiro. Eu son de Viveiro, pero como son guía turístico noutras partes de Galicia [A Coruña e Santiago] vir a Viveiro é especial. Por desgraza, so veño na Semana Santa. Xa é como unha tradición.

-Que elemento diferenciador ve nestas visitas en particular?

-Son únicas polo escenario, que é un casco histórico que veu como naceu esta Semana Santa, a cal existe dende que hai franciscanos e dominicos. Significa que dende o século XIII e que é das máis antigas da cristiandade na parte occidental de Europa. É un luxo, un privilexio. Non temos os edificios medievais pero mantemos un trazado medieval de rúas. Hai algo máxico no casco antigo, é o eco. Sería imposible facer esto mesmo en Ferrol ou Betanzos. Nas rúas de Viveiro a acústica é marabillosa, case franciscana.

-A ver como nos vén o tempo para seguir con elas ata domingo.

-A min aféctame pouquiño porque a visita a fago igual aínda que caia o diluvio de San Mamés. É máis polas procesións...

-Cales son os datos que aporta que máis chaman a atención?

-A vida do mariscal Pardo de Cela é alucinante. Foi o alcalde irmandiño de Viveiro. É unha historia descoñecidísima. Tamén a simboloxía da Porta de Carlos V e os catro bustos, que eu utilizo para falar das catro liñaxes que gobernaron Viveiro. O Calexón do Muro chama a atención; xa que os de Córdoba e Toledo din que teñen a rúa máis estreita de España... aquí se queremos competir, competimos tamén (sorrí).Tamén a xudería e a presenza importante nun porto comercial como foi Viveiro. E falamos do Camiño de Santiago porque por aquí pasa o que podemos chamar o Camiño do Mar e iso sorprende moito(...) E as mulleres de Viveiro: Concepción Arenal, María Sarmiento, María de las Alas Pumariño, Maruja Mallo....

As visitas, entre a Praza Maior e a antesala do museo, continuarán hoxe ás 18.00; a de mañá será ás 12.00, a do venres ás 13.00, sábado 17.30 e domingo 13.00.