O alcalde de Vilalba lembra os seus enfrontamentos contra os equipos mariñáns cando era porteiro do Vilalbés
13 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Agustín Baamonde lembra que comezou a xogar ao fútbol por algo que pode resultar coñecido para moitos, teñan sido notables virtuosos do balón ou simples corredores entusiastas detrás dunha pelota: «O fútbol -di- era a maneira de relacionarse coa xente, a falta doutra actividade. Era máis doado, porque había grupos máis amplos. No meu eramos uns dez rapaces que andabamos xuntos ao saír da escola. O fútbol axudaba a matar o tempo».
-Que se aprende do fútbol para a vida?
-O fútbol é unha realidade sociolóxica; reflicte a realidade social, sobre todo no comportamento colectivo, mesmo nos hooligans. No fútbol podes atopar cousas boas é malas, porque é como a vida mesma. Aprendes a importancia do espírito colectivo, a participación nunha actividade na que outros toman parte; aprendes o valor da superación, da competitividade nun sentido san; aprendes a sufrir, porque no fútbol sófrese; aprendes a controlar as emocións... Como, en boa medida, todo o deporte, o fútbol é unha manifestación do espírito das persoas, porque a competitividade obrígache a dar o mellor de ti; tamén, por desgraza, saca a competitividade por enriba de todo, a transgresión das normas... É certo que se unen sentimentos encontrados, pero é a eterna loita do ben e o mal. Os sentimentos que unen a uns enfróntanos con outros, non doutra ideoloxía senón do equipo contrario.
-Xogou de porteiro. É certa a sensación de soidade da que se ten falado moitas veces, sobre todo cando se vai tirar un penalti contra a súa meta?
-O do porteiro é un posto peculiar. En primeiro lugar, pola posición, porque a súa facultade, a de tocar o balón coa man, só a pode facer nuna parte do campo, a súa área. En segundo lugar, a súa situación, por detrás dos demais, dálle unha visión privilexiada: dáse conta mellor ca os outros de como vai o partido. Dicíase que os porteiros estaban un pouco tolos, e creo que iso valía mellor para o fútbol de antes, de
máis contacto físico e cunha práctica, a de tirarse aos pés dos contrarios, que hoxe case non se fai. Hai un punto de soidade porque se ataca o outro equipo, está arroupado, pero se ataca o seu, queda só. Ten tamén tempo para pensar e para reflexionar como van os acontecementos; sabe onde están os problemas. Canto o do penalti, é unha mística de competitividade para os dous: un ten que meter o balón na portería, o outro ten que evitalo. A clave, e aí a soidade axuda ao porteiro, é comerlle a moral ao outro, no aspecto psicolóxico ou co silencio.
-A xente que xoga ao fútbol adoita coñecer moita xente e ser moi coñecida. Que máis se consegue deses anos de actividade deportiva?
-O fútbol ponte en contacto con moita xente, permíteche facer amigos para toda a vida. Hai camaradas do fútbol que non esqueces nunca; uns, porque son do teu equipo; outros, porque son de equipos contrarios. Se practicas fútbol moito tempo, é porque che gusta moito, e aos demais, tamén. Deixache cicatrices, e eu tamén teño algunha; pero déixache tamén satisfacción espiritual, no sentido de que pasaches uns anos marabillosos.
«No fútbol aprendes o valor da superación, da competitividade nun sentido san»
«O fútbol déixache cicatrices, pero tamén unha satisfacción espiritual»