«A min gústame mirar polo furadiño»

Grazas ao colectivo viveirense, mañá chegará á cidade o VIII Certamen Expofoto


viveiro / la voz

Con motivo desta entrevista, a Antonio Ben tócalle esta vez mudar de rol. Agora é o fotógrafo fotografado... pero, como leva ser obxectivo da cámara?: «Mal. Son máis de estar detrás da cámara. Poucas veces estou diante. A verdade é que non me gusta que me saquen fotos. Son mal modelo realmente (ri)».

-Que imos ver en Expofoto?

-Vai haber uns dez traballos diferentes, cada un vai presentar o seu e vai haber unha disertación sobre o que se acaba de ver. Ademais, Simón López, que fai fotografia nocturna, soe implicar ao público e vailles pedir que encendan os teléfonos para facer un light painting. Alí vai xogar coa escuridade do teatro.

-No listado de participantes fáltame por exemplo un de Viveiro, claro referente en astrofotografía.

-Non, porque Dani (Caxete) está en Madrid. Ainda que el é un «negativo» de pro.

-Esta é a primeira vez que Expofoto chega a Viveiro?

-Dende logo! E a nivel de provincial tamén. O Concello de Viveiro amosou interese e cedeu o Teatro para poder facelo aquí. Cal é gran hándicap de todo isto? Meter xente no Pastor Díaz e cobrar 5 euros. Porque a xente, en xeneral, aínda non valora que a fotografía sexa algo polo que hai que pagar. A noa ilusión sería que estivera cheo cheo.

-Tocando un tema sensible e actual, como califica usar sen permiso e/ou sen pagar imaxes?

-Roubo é cando fas un uso inapropiado do que non é teu. Creo que non está asumido que descargar unha canción ou publicar unha foto sen permiso sexa un roubo. Estamos saturados, todo o mundo fai fotos e estamos nun mundo en que ‘todo vale’... Penso que é unha batalla perdida. Ainda que non teñas dereitos de autor, hai propiedade intelectual e é un produto teu e tes dereito a que alomenos se usan a foto pidan permiso. Tamén hai que diferenciar amateur de profesional.

-Coas redes sociais e con Internet extendeuse o problema?

-Si. Pénsase ‘todo vale’, erroneamente. De novos todos copiabamos unha cinta de música e ninguén daquela dixo que era pirata pero era. O mesmo pasa coas fotos. O que peor me parece é que che recorten a firma; é alevosía. ‘Mira eu regáloche isto, que menos que o respectes’, penso...

-Ten conta de Instagram?

-Teño Instagram pero todavía non o entendo ben. Eu utilízoo para divulgar o meu traballo.

-Algunha foto súa foi viral?

-Puido ser... e se foi, non me enterei (ri). Eu colaboro en eventos deportivos e a maneira de dalos a ver é a través do Facebook.

-Saca fotos co móbil?

-Si. Teño un iPhone e tén boa calidade. Pero a min gústame mirar polo furadiño [da cámara], controlar parametros, enmarcar... Non uso Photoshop e iso que o teño instalado. Non me gusta.

-Que cámara ten agora mesmo?

-Nikon. Con esa nácese. Un día decídeste por esa cámara e chega un día no que tes tal cantidade de accesorios que aínda que quixeras cambiala por outra marca non poderías. Ao mellor che gusta máis unha Canon, pero tamouco vas malvender todo o que tes. Eu son nikonista confeso e teño dúas Nikon.

-Esta afección, é moi cara?

-Cando che gusta algo xustificas as compras que fas do teu hobbie e sempre buscas o que sexa de máis calidade.

-Cal foi a súa mellor foto?

-(Sorrí) Sabes que a miña debilidade é Adrian [Ben, o o seu fillo]. Para min foi a mellor unha que lle fixen a el, máis polo que representaba que pola calidade.

-Vexo que cada vez se imprimen menos fotos. Que opina?

-Eu apenas imprimo, en parte porque me é difícil elixir que fotos miñas me gustan; sen embargo, é fácil velas no ordenador. Daste conta de que as tes pero non as tes. As de antes, impresas, eran tanxibles. Por iso en Os Negativos obrigamos a imprimir fotos trimestralmente. Poñemos un tema e imos facer fotos tal día, eleximos cales son as que máis nos gustan e imprimímolas. Pero si.. a foto impresa estase olvidando. Por certo, ainda me enterei hoxe de que se xubila Oliver!

«Non está asumido que descargar unha canción ou publicar fotos sen permiso sexa un roubo »

Un evento fotográfico de primeiro nivel, con ponencias no Teatro Pastor Díaz

Máis de 3.000 persoas xa gozaron noutros recunchos galegos dun dos festivais fotográficos máis importantes en Galicia como é Expofoto. Mañá ás 20.30 e dende o Teatro Pastor Díaz tamén o farán os viveirenses. A continuación, os participantes do certame. Son: Edu Pereira (nominado aos Goyas, fotografía creativa), LEX (terceiro Premio Internacional Light Painting), Enfoque Nocturno (gañadores do FhotoNikon, astrofotografía de paisaxe), Cristina Abilleira (gañadora absoluta de Photo Nature, fotografía de natureza), Tonete López (co traballo persoal A ceo aberto), Juanpa Ameneiros (fotografía de espectáculos incluíndo o Resu), fotografía submarina de CAS Nautilus Fene (nesta ocasión con dous gañadores tres veces do Premio Nacional de Fotografía Submarina) e Roi Alonso (seleccionado en PhotoEspaña, fotografía de arquitectura). Contan como colaboracións especiais as de Os Negativos de Viveiro e Proxecto Lobo con Jesús Criado.

O espectáculo está dividido en ponencias de 10 minutos, con proxeccións audiovisuais. A taquilla abrirá mañá ás 19.30 horas e cobrarase a entrada a 5 euros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«A min gústame mirar polo furadiño»