AMaruxaina é o símbolo da tradición de familias e de grupos de xente nova que se xuntan para celebrar. Para celebrar a lenda dunha serea, para celebrar que San Cibrao se enche de festa, e para celebrar que xuntos, en harmonía, todo vai mellor. Dende o Concello traballan para coidar cada detalle, para velar pola seguridade. Conta con outros colaboradores que fan posible unha valoración positiva da festa ano tras ano.
-Cal é a importancia da festa no pobo?
-Destaca o feito de que todos se involucren para facer a festa grande. Iso é o que fai posible que se leve celebrando dende hai máis de trinta e dous anos.
-Como se vive esta tradición?
-A Maruxaina é o reflexo da unión de San Cibrao co mar. Son os mariñeiros os que «pescan» unha serea nos Farillóns e a traen a terra para que sexa xulgada. É toda unha lenda relacionada co mar e a nosa xente, que se revive este día. Hai que agradecer á Asociación Amigos da Maruxaina que organizara e siga a organizar esta festa, con tanta implicación e devoción.
-Entre tanta mestura de xentes, pérdese a identidade de San Cibrao e da súa xente?
-Non, traballamos para que a harmonía reine no pobo. As tradicións familiares mestúranse coa xente nova, e hai que intentar sempre que a diversión sexa o máis sana posible. Gústanos que siga quedando algo dese espírito orixinal da celebración.
-Cal é a mensaxe para todos os turistas e xente doutras vilas que se achegan á localidade a gozar da festa?
-Este lugar tan fermoso faise aínda máis grande co sentimento da xente. O ambiente que se crea fai que sexa unha ocasión especial para visitalo, coa roupa tradicional.