Pagas ti ou pago eu? Paga ti logo

Fran Bouso

A MARIÑA

07 feb 2017 . Actualizado a las 13:42 h.

Amañá ía indo como ían as mañás do verán. Ao pícaro que atendía na taberna xa lle dera tempo a facer as páxinas que marcara do libro de “Vacaciones Santiallana 5” á vez que atendía á pouca xente que se achegaba polo local a aquelas horas. O Candolo tomara as dúas medias de Estrella - “do tempo”, coma en “Unha árbore, un adeus”- mentres fumou catro Ducados; o Clarete de Lexide estaba servido e o mocete pesaba dous tomates que lle faltaban a unha veciña para acabar de facer a comida.

Apareceu pola porta. Vestía pantalón de pana, xersei de la e por riba un coreano verde que deixaba caer sobre os brazos. Traía unha carallada consigo que non era normal para aquelas horas. Arrimouse á barra e pediu un chato. Mentres lle estaban botando o viño achegouse ao moble do televisor e colleu unha peza de cerámica que tiña dous “bes” inscritos nun círculo, erguía a man cara o teito e escarallábase de risa mirando para ela. Pousou o adorno onde o collera e bebeu un papado de viño. Levou o vaso ata a esquina do mostrador e púxose a buscar o equilibro perfecto do vidro sobre a formica. Ao rapaz da taberna a cousa xa o estaba empezando a cabrear, pero vía que os outros dous clientes non se alporizaban. “Aínda hei levar unhas labazadas se o paisano rompe o vaso” -pensaba o pequeno taberneiro.

Menos mal que deixou o “chiquito” e foi sentar ao carón do Candolo de Valiñadares, ríase ao tempo que miraba para o paquete de tabaco.

-Queres un logo?, preguntou o Candolo

-”Hi, hi, hi” -ría mentres se lle vía o único dente que tiña na boca- “A caballo regalado no le mires el diente... Hi, hi, hi...!”

O Candolo deulle un cigarro e el pillouno moi agradecido, como disposto a fumalo inmediatamente. Cando ía colocalo na boca pareceu que lle caía, torpe del, e o cigarro acabou no chan. O Candolo e el quedáronse mirando fixamente durante uns segundos para o Ducados ata que lle ofreceu outro pitillo.

-Hee, he, he.

Cando xa tiña na orella o segundo cigarro, baixouse ao chan e recolleu o que caera, colocouno na orella que tiña libre e foise para a barra onde iniciou unha conversa con alguén que os presentes eran incapaces de ver:

-Pagas ti ou pago eu?

-...

-A ver, pagas ti ou pago eu?

-...

-Paga ti logo.

E marchou tan contento.

Ao cabo duns minutos, pasando o pano por riba da barra, o pequeno taberneiro atopou a cantidade exacta do valor do viño debaixo dun dispensador de panos de mesa.

Chamábase Victor e o que mo contou, Xabier.