«Quería o ouro, pero o segundo posto está ben, doume por sastisfeito»

I.M.B. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O viveirense proclamouse subcampión de España de pentatlón moderno en Barcelona

20 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os derradeiros 300 metros na proba combinada de carreira e tiro privaron a Cristóbal Rodríguez de coroarse campión de España de pentatlón moderno en Barcelona. Faltoulle precisión e viuse superado polo outro gran favorito ao título, o catalán Joan Gispert.

-Despois dun final tan cruel, ¿que sabor lle deixa esta prata?

-Quería o ouro, pero o segundo posto está ben, doume por satisfeito. A finais do mes pasado tiven problemas de saúde e non puiden adestrar con regularidade, o que fixo que chegara a este campionato nun momento de forma por debaixo do que requiría. Ademais, cumprín o obxectivo de rematar entre os tres primeiros para formar parte do equipo nacional para as Copas do Mundo e outras competicións internacionais.

-Tivo o ouro na man ata os últimos metros...

-Saín da esgrima na terceira posición, púxenme primeiro na natación e na hípica saqueille aínda máis vantaxe aos meus perseguidores, pero fixen unha combinada regular e Gispert adiantoume.

-A tempada acaba de empezar. ¿Que obxectivos se marca?

-A miñas metas son as mesmas que nestes últimos anos. Traballar, mellorar e gañar postos no ránking mundial de cara á cita olímpica de Tokio no 2020. As Copas do Mundo empezan en abril ou maio e aí é onde teño que ir a por todas.

-¿Cal é a próxima cita?

-O día 26 de xaneiro competirei con España no Open indoor de Hungría. Espero estar a un bo nivel.