«O único que se nos pode esixir é saír a gañar cada partido»

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O futbolista de Friol apúntase á moda do «partido a partido» nun grupo onde «o primeiro pode perder co último»

18 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafa Casanova, como os seus compañeiros do Ribadeo, agardan con ilusión e ca moral polas nubes o partido deste domingo ante o Bertamiráns, un rival en horas baixas pero do que en absoluto se fía o futbolista de Friol, que reaparecerá no Pepe Barrera logo de tres partidos sancionado e de asinar o golazo que significou tres puntos para o conxunto mariñao na pasada xornada.

?Imaxino que os folgos do equipo para o partido ante o Bertamiráns volven estar a moi boa altura despois de gañar en Arzúa.

?Por suposto. Cando se gaña, o seguinte encontro sempre o afrontas con outros ánimos. Pero non vai ser fácil. O Bertamiráns non pasa por un bo momento, é certo, pero nesta liga a igualdade é máxima, o primeiro pode perder co último, e calquera equipo che fai dano por moi mal que estea. Xa o vivimos noutras xornadas e agardamos que non se volva a repetir.

?Reaparece Miguel Gomes, posiblemente tamén Jacob... Pouco a pouco o equipo vai recuperando o seu aspecto orixinal.

?Afortunadamente. Nos adestramentos xa se nota outra competitividade e iso é o mellor que lle pode pasar ao equipo.

?Despois de tres partidos sancionado, ¿con que sensación saltou o domingo ao campo do Arzúa? ¿Rabia, quizais?

?Non, rabia paseina xusto despois daquel partido ante o Polvorín que non sabería como cualificar. Nunca sufrira un castigo semellante, pero a única sensación que tiña era a de axudar ao equipo.

?Pois vaia se axudou. Tremendo golazo.

?Tiven a sorte de que o balón entrou por onde moitas veces quero que entre e non entra.. O importante foi que nos serviu para sumar os tres puntos.

?Coa plantilla ao completo, ¿que se lle debe esixir a este Ribadeo?

?Non pensamos en obxectivos a longo prazo. Como dicía antes, a igualdade é máxima nesta categoría, e tanto a plantilla como o corpo técnico cremos que o mellor é ir partido a partido. Agora toca pensar no Bertamiráns, a semana que vén pensaremos no Sada...

?¿Con un pouco de sorte poderían mirar cara arriba?

?A obriga de todos os equipos é mirar cara arriba, e a nosa por suposto que tamén. Canto máis arriba nos vexamos mellor, pero despois de todo o que levamos pasado, o único que se nos pode esixir é saír a gañar cada partido.

?¿Cales son os seus favoritos para o ascenso?

?O Noia, o Estudiantil e o Polvorín parece que se están desmarcando, pero isto é moi largo e a liga pode dar aínda moitas voltas. De feito, moitos pensaban que o Polvorín ía ascender de calle e leva tres ou catro partidos sen gañar.