«Ao Barça é mellor collelo agora»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O capitán burelista cre que xogando como na primeira metade ante o Santiago terán moitas opción de gañar ao xigante blaugrana

01 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa visita do temido Barça ás portas, Iago Míguez entende que o mellor é non darlle moitas voltas á inapelable derrota na cancha do Magna Gurpea e centrarse dende xa nesa pelexa do venres ante o xigante blaugrana. O capitán do Pescados Rubén-Burela amosa ilusión ante o reto a pesar de que o seu equipo non deixou unha boa imaxe en Pamplona e aínda está lonxe do seu mellor nivel.

-Resísteselles Anaitasuna. Cinco derrotas en cinco visitas, e a última incuestionable.

-É unha das canchas máis difíciles de Primeira División, alí non gaña calquera. A nós dásenos especialmente mal e é certo que desta volta apenas tivemos opcións. Non fixemos un bo partido.

-O equipo está deixando máis sombras que luces neste inicio de campionato.

-O comezo está sendo complicando pola entidade dos rivais ós que nos enfrontamos. Palma, Inter, Magna, agora o Barça... Son case todos equipos chamados a estar na zona alta. Na casa demos un bo nivel ante o Palma e o Santiago, pero fóra estanos custando, fáltanos dar un pasiño máis.

-¿Na primeira metade do derbi galego vimos a mellor versión do Pescados Rubén?

-Si, quizais foron os mellores vinte minutos que fixemos no que vai de tempada, pero podemos dar aínda moito máis. Estamos lonxe do noso mellor nivel.

-Pois o venres chega o Barça. ¿Non é bo momento?

-Ao Barça é mellor collelo agora, xa que aínda está como quen di en fase de construción pola gran cantidade de movementos que houbo no seu equipo. Está sufrindo para sacar os partidos adiante e seguro que dentro dunhas semanas será un bloque máis sólido e moito máis solvente.

-¿Cantas posibilidades lle da ao seu equipo?

-Si xogamos como na primeira metade do derbi ante o Santiago, con seriedade e sendo intensos, seguro que teremos opcións de acadar un resultado positivo.

-¿E si xogan como en Navarra?

-Entón si que non teremos posibilidade ningunha.

-Por certo, ¿como levan o de xogar na casa tamén os venres á noite?

-Ben, sen problema. Nestas últimas tempadas xa o fixemos moitas veces nos encontros de fóra e xa estamos acostumados.

-¿Prefire este horario ou o do sábado ás 18.30?

-Dáme igual. Desde sempre os partidos do Burela eran os sábados ás seis e media da tarde, e faise un pouco raro saír da rutina, pero se con esta medida se beneficia ao público, benvida sexa.

-Chano volverá ao equipo cos ánimos polas nubes logo da súa estrea coa selección española.

-Seguro. É un plus de motivación e un motivo de orgullo. Alegrámonos moito por el.

-¿Iago Míguez tamén soña con vestir algún día a camiseta do equipo nacional?

-Ogallá chegara algún día esa oportunidade. É moi difícil, pero quen sabe.