Estar todo o día e tódolos días rodeado de pícaros ten moitas cousas boas como, por exemplo que che fan lembrar que nalgún momento aprendiches algo que xa esqueceras que aprenderas.
Pola Noiteboa, Papá Noel tróuxolle á miña filla, ente outros agasallos, unha boneca adestradora de golfiños, algo que ela pedira despois de vela na televisión. O Apalpador xa lle dera noces, porque non había castañas, uns días antes.
Cando abriu o paquete púxoselle unha cara rara, pero non dixo nada. Pediume que lle encaixara os accesorios e tal como mo solicitou, así o fixen. Notei que non lle fixera unha especial emoción. Entretívose cos outros agasallos e ao día seguinte, á chegada da noite lembroume que era a hora de bañarse e puxo especial empeño en que fora baño e non ducha.
Prepareille a bañeira e apareceu coa boneca dos arroaces. Meteuse no baño e díxome: «Pero papá esta boneca non fai como facía na tele».
A televisión ao igual que o cine ou outras artes como a literatura ou a maxia contan con recursos para crear ilusións. Técnicas que resultan beneficiosas porque xerar ilusión é fundamental para a vida do mesmo xeito que se fai necesario ter coñecementos e formación para poder distinguir a realidade, o realismo e a as ilusións.
Hoxe é un día de ilusión porque os pícaros ven como os Reis Magos cumpriron cos seus desexos. Chega un momento na vida en que podemos perder a ilusión. Eu creo que debemos facer todo o posible para que isto non suceda.
Hai moitos anos que descubrín a verdade sobre os Magos de Oriente, sen embargo sigo crendo neles. Penso que son capaces de agasallarnos, aínda que non sexa con produtos materiais.
Desde hai moitísimo tempo teño o desexo de voar en helicóptero e presentóuseme a oportunidade de facelo en varias ocasións e non o cumprín, non por medo a voar nin cousa parecida. O motivo é outro medo, o medo a perder a ilusión, o medo a que o feito de dar unha volta en helicóptero non me xere tanta emoción como teño pensado, o medo a descubrir que a boneca que deixou Papá Noel non é capaz de facer todo o que se vía nun anuncio da televisión. O medo a ter perdida unha ilusión.