O gran valor das San Lucas

Xosé Mª Palacios

A MARIÑA

15 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Non me negarán que a estas alturas, con todo o que se leva falado da crise, estamos xa todos convertidos en expertos economistas. ¿A quen lle poden importar os goles de Messi se hai que falar da prima de risco? ¿Como se vai comentar o posible ascenso do Deportivo e do Celta se temos que estar pendentes do diferencial do bono alemán? Supoño que se a xente aínda ve series ou películas, será pola secreta aspiración de que os personaxes debatirán sobre a conveniencia do déficit público ou a necesidade de aforrar no gasto das administracións. Con tanta análise económica, pois, a ninguén se lle poderá escapar que As San Lucas teñen un gran valor. Máis alá da importancia subxectiva e sentimental que lles deamos ás feiras todos os habitantes do país sanluqueiro, hai unha cuestión que pode valer para explicar a súa dimensión: ¿cantas feiras do século XII se conservan en España?

Calquera que teña vido a Mondoñedo en días coma os que comezan agora terá descuberto o que aínda hai de feira na cidade, ou sexa moito. Foron desaparecendo as mantas, pero aínda hai noces que nos recordan, mesmo en anos de tanta seca coma este, que xa estamos no outono; vai a menos a cerámica de barro, pero seguen a vir os vendedores de coitelos de Riotorto e de Taramundi; desapareceu, forzado polos cambios, o mercado de herba da Fonte Vella, pero os que algunha vez espertamos co paso dos cabalos cara ao campo da feira sabemos que basta oír ese son unha vez para gravármolo para sempre no noso arquivo persoal. Podemos, pois, vivir un ambiente de feira como xa non van quedando moitas no leste de Galicia e no oeste de Asturias.

Se a teoría económica non falla, a condición case única das San Lucas pode converter as nosas feiras nun obxecto de valor. Así podía ocorrer se cadra, hai anos, se escaseaba o trigo tras unha mala colleita; pero iso ocorría nunha antigüidade cada vez máis remota. As patacas poden importarse de Exipto; o polbo pode traerse de Marrocos, e nada diso ten influenza real nas nosas vidas porque temos que debater sobre a crise, comentar as turbulencias o mercado inmobiliario e predecir cantos bancos e caixas quedarán en España. Como estamos en crise e non se pode pensar en nada máis alá do Ibex 35, estes non son tempos para establecer obxectivos de futuro. Se o fosen, ¿non cren que alguén estaría obrigado a pensar que unha feira que cumpre exactamente 855 anos de vida debera ser un dos principais reclamos de Galicia?