Pregúntome a miúdo cal é a consideración que senten os políticos pola cidadanía. Case sempre conclúo o mesmo: non somos o centro da súa actividade. Non obstante esta opinión non me incomoda. Ao longo dos anos aprendín a convivir coa mentira constante que reza en todos os partidos políticos: sempre ao servizo do cidadán. En ocasións, desafortunadamente, son incapaz de conter o desagrado, incluso a ira. Sucedeu onte. Primeiro entérome que Rajoy falou das «chuches» mentres comentaba a política económica. Despois, en resposta ao anterior, a señora Pajín afirma que a Rajoy só lle interesan as «chuches» e que só subirán un céntimo por euro. Quedo mudo. Aperto os dentes e mórdeme a rabia. ¿Cal é o respecto que senten pola cidadanía? ¿Merecemos realmente que nos tomen por memos? Se a intervención de Rajoy roza o ridículo, a de Pajín non lle resta en méritos.

Teñen os políticos o costume de querer resultar graciosos. Pero a cidadanía non lle pide grazas e humor. En Galicia temos para iso o humor insultante do seu programa de maior audiencia: ese que converte aos galegos en partícipes dunha ordinariez sobresaliente e rústica. A cidadanía pídelle aos políticos rigor profesional, seriedade, responsabilidade. Tamén lle pedimos que eliminen a corrupción, que diminúan o paro, que aumenten o noso nivel de vida, que fagan do progreso un signo do seu traballo, que non discutan minucias, que sexan educados e cultos. Pedímoslles que non fagan do vulgar o centro do seu discurso. Rajoy ten ocorrencias que lle restan credibilidade e prestancia («la niña de Rajoy» ou as «chuches»). Pajín exhibe unha frivolidade impropia do seu cargo. Ambos faltaron ao respecto que deben aos cidadáns. Falándonos de «chuches» cando rozamos os catro millóns de parados e hai xente que garda cola nos colectores dos supermercados. Rigor, intelixencia, altura. E respecto. Non pedimos demasiado.