Para García Varela é fundamental recoñecer o carácter de «víctimas» dos represaliados do franquismo, sen revanchas
20 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.José Ramón García Varela, fillo dunha sobriña de Emilio Ríos Martínez, O Cantador , asasinado en 1939 «por nada, por non querer ir á guerra», foi quen contactou coa Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica para levar a cabo as exhumacións do corpo do seu deudo e de José Fernández Rolle, O Caramelo , o outro escapado asasinado e enterrado no monte da Penela. En pleno debate, trala decisión do xuiz Baltasar Garzón de renunciar a investigar os crimes do franquismo, García Varela, carpinteiro e edil do PSOE no Vicedo, de 40 anos, lembra o vivido en 2005.
-Vostede contacta coa asociación e aí empeza todo.
-As dúas familias, a nosa por mediación de meu tío, e a do Caramelo, estabamos interesadas. A través dun foro de Internet deu coa asociación. Para evitar problemas fun ao xulgado, por se facía falla algún tipo de autorización. Dixéronme 'para que era', 'para levantar uns restos...', '¿e cando foi?', 'polo que me din no 39', 'entón non fai falla autorización porque prescribe aos 30 anos'. E tamén mandei un escrito á Guardia Civil para dicirlles que iamos proceder á exhumación. Tamén avisei ao Concello. Despois, aquel día, non foi ninguén.
-¿Canto tempo pasou dende que falou coa asociación?
-Un ano. É que eles fan isto nas vacacións, estaban noutra excavación, o tempo non valía porque era inverno... E viñeron un ano despois, agosto do 2005.
-¿Que datos lles pediron?
-O arqueólogo pediunos toda a documentación, fotos e datos que puideramos ter para elaborar o informe. Un veciño, Vicente Piñón, que tiña uns 13 anos cando foron asasinados, foi quen facilitou toda a información para a localización. Foi básico. E todo foi tal cual, dicían que desfixeran un muíño e usaran as lousas e a porta para tapar os corpos. Apareceron as lousas, a porta non porque en tantos anos deteriorouse, pero si os gonzos.
-A excavación durou unha fin de semana, pero o proceso aínda seguiu un tempo máis.
-Levamos os restos a analizar a Ourense, ao forense de Verín (Fernando Serrulla), que tamén o fixo de forma altruísta. Verificou a identidade e despois fomos buscalos para facerlles o enterro. Houbo unha cerimonia conxunta e despois cada un foi enterrado no seu cemiterio.
-¿Que representou isto para vostede e a súa familia?
-Foi un alivio recuperar os corpos e poder enterralos. Agora é un capítulo pechado.
-¿Como lembra aquel día, alí, no monte da Medela?
-Houbo moita expectación entre os veciños de aquí, achegouse toda a xente do pobo, tamén algúns das Pontes. Foi case a primeira fosa que se abriu en Lugo, xusto trala de Portomarín. Sentías unha tensión...
-¿Que lle parece a decisión de Baltasar Garzón de inhibirse na investigación despois de crear tantas expectativas entre tantas familias de represaliados do franquismo?
-Quedeime extrañado, foi un patinazo.
-¿Que opina sobre a Lei de Memoria Histórica?
-O importante é deixar que as familias recuperen os restos dos seus e recoñecer que son víctimas. Porque ao final é o que son, víctimas, igual que as doutros países, neste caso dunha guerra civil e dun claro abuso de poder. Non é unha cuestión de revancha. A lei vén ben pero tampouco hai que deformala nin cambiarlle o significado.