Margarita Pérez Herraiz (Lugo, 1955), experimentada deputada autonómica, compite nestas eleccións municipais por un escano en Madrid.
-¿Preparada para o salto á capital?
-Non sei se é correcta a expresión salto, pero si un cambio que supón para min un aliciente. É unha experiencia nova á que accedo con moita ilusión.
-¿Cre que está asegurado o segundo deputado do PSOE, o seu escano?
-Si, si. Non vou falar de cantos votos contamos ter, pero estamos seguros. As diferenzas son suficientes para poder aspirar incluso a máis. Traballamos coa seguridade de quedar por diante do PP e que repercuta nunha mellora dos nosos resultados para o Senado.
-¿En que campo preferiría traballar no Congreso?
-Agora no Parlamento de Galicia era voceira en asuntos de Traballo. Na anterior lexislatura era voceira de servizos sociais. E, como son moi disciplinada, en Madrid asumirei as funcións que me correspondan. En todo caso, as condicións son distintas, porque só o grupo parlamentario é moito máis grande que toda a Cámara galega. Non sei en que temas traballarei, pero probablemente no ámbito de cooperación ao desenvolvemento; tamén levei eses temas en Galicia e fun relatora da Lei de Cooperación ao Desenvolvemento, que se aprobou na lexislatura pasada.
-¿Como ve a campaña?
-Estivo tan tensa a lexislatura pasada que non parece que a campaña estea crispada. O PP fixo unha oposición moi centrada na esaxeración e na crispación. A verdade é que sigo pouco a campaña dos outros partidos. Penso que non teñen a velocidade de campaña que temos nós; empezamos antes e temos unha campaña máis intensa.
-Os pactos institucionais co BNG, ¿que suporán nestas eleccións?
-Penso que o feito de ter responsabilidades de goberno na Xunta, en concellos e na Deputación repercutirá favorablemente nos resultados do PSOE. Estar mellor situados institucionalmente é positivo.
-E as diferenzas...
-Non teñen tanta importancia. Temos diferenzas porque somos dúas forzas con diferenzas claras, pero temos un compromiso de goberno común, que cumprimos. É compatible que haxa obxectivos de goberno únicos, que se cumpren, e que sexamos dúas forzas con visións distintas.